Compostela, 9 de novembro do 2023 -O Partido Popular de Santiago insta ao goberno municipal a que recupere o programa Banco de Tempo, inactivo desde o 2012.
O Banco de Tempo de Compostela comezou a funcionar no 2009, baixo o goberno en coalición de Psoe e BNG. Os usuarios nunca superaron os 72 e no 2012, baixo o goberno do Partido Popular acabou por quedar inactivo.
Esta iniciativa busca revalorizar o uso do tempo como medio para mellorar a calidade de vida das persoas, cun intercambio de servizos sen transacción económica, polo que a moeda de cambio só son as horas. Trátase dunha ferramenta moi eficiente na creación de comunidade xa que a base é a colaboración entre particulares.
Para o funcionamento deste sistema de axuda, a persoa interesada deposita un número de horas neste Banco, ofertando uns determinados servizos ou actividades e, a cambio, percibe outro número de horas naqueles servizos ou actividades, entre os que ofertan o resto de persoas inscritas no programa, que sexan do seu interese.
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, pídelle agora ao Goberno municipal a reactivación do programa Banco de Tempo, Para Otero, “o Goberno ten que dar resposta ás novas formas de organización que están a xurdir na sociedade actual, facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan dos apoios precisos para o seu benestar no seu entorno social e impulsar, deste xeito, a vida comunitaria”.
A concelleira popular engade que “Esta iniciativa permite a creación de relacións sociais e vínculos entre as persoas, rompendo o illamento e a soidade, creando un novo espazo para compartir, achegar ás persoas e favorecer o apoio mutuo e colaborativo”.
Así mesmo, Yolanda Otero subliña a importancia deste tipo de iniciativas na sociedade actual, con especial fincapé nas persoas maiores, tendo en conta o seu valor engadido como ferramenta contra a soidade non desexada, que afecta, sobre todo, a este colectivo.