Compostela, 1 de setembro do 2023 – A radiografía mostrada onte por Manuel César, concelleiro de facenda en Compostela, deixa o pago de facturas como un dos principais problemas na xestión económica.

No mes de maio o período de pago de facturas chegou aos 71,45 días de media, con pagamentos pendentes por valor 9.656.470 euros. Estas demoras fan que ao remate do exercicio moitas de esas débedas sexan OPA (obrigacións pendentes de aplicación) e pasen ao ano seguinte.
Manuel César explicou tamén que esta situación ven dada por distintos factores. Incompatibilidades de software, falta de persoal ou unha tramitación lenta dos documentos. O edil anunciou o establecemento dunha nova estrutura de centros xestores encargados da tramitación administrativa das facturas e a progresiva modernización da administración electrónica.
Orzamentos realistas
O concelleiro explicou tamén a necesidade de ter un orzamento realista que poida ser cumprido. Traballase nun documento que teña en conta a capacidade de execución dos departamentos xa que este é outro dos problemas da situación económica do concello.
César explicou que “a 5 de xuño o grao de execución global do orzamento de gastos era de 20,74 por cento cando teoricamente debería atinxir 42,74 por cento, 22 puntos porcentuais máis, unha situación que xera remanentes persistentes de tesouraría ano tras ano”.
Manuel César tamén deu conta dos proxectos de gasto sen finalizar e explicou que desde a Concellaría de Economía e Facenda se está a facer un “seguimento estrito dos contratos públicos” e procedendo á licitación dos servizos sen contrato, co fin de resolver “os contratos en precario, xa caducados, mais que continúan prestándose e que afectan a servizos esenciais”, como son a de subministración de gas ou gasóleo a dependencias municipais, o de subministración de carburantes para os vehículos municipais, ou o servizo de reprografía, entre outros, e anunciou que algúns deles serán licitados nos seguintes meses.
Con estas novas medidas, o executivo busca “mellorar a viabilidade financeira do Concello, atraer empresas reducindo a demora nos pagamentos e mellorar de forma global a utilización dos recursos e da prestación dos servizos municipais en beneficio do benestar da cidadanía compostelá”.