Este mércores as instalacións da EDAR foron visitadas por distintos cargos públicos para coñecer o avance do proxecto da Silvouta que finalizará a obra civil no vindeiro ano.
Onte mércores reuniuse a comisión de seguimento da construción da nova EDAR de Compostela, situada na Silvouta. Unha obra que avanza segundo os prazos previstos e mantén a finalización da obra civil para o verán de 2026.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que “Comezamos a ver o resultado dun proxecto vital para a preservación da nosa contorna, que comezou hai xa 25 anos, un tempo excesivamente longo mais finalmente ventureiro porque imos contar cunha EDAR de alta calidade e con previsión de futuro para dar tratamento ao medre poboacional de Compostela”.
Na reunión de seguimento, ademais da alcaldesa, participaron a presidenta de Acuaes, Rosa Cobo, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e técnicos das tres entidades que forman parte da comisión. Despois de avaliar a situación das obras, os membros da comisión desprazáronse ata o lugar da Silvouta para comprobar in situ a evolución dos traballos xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Repasa todo o proceso da EDAR a través das novas que fumos publicando nos últimos anos
Na súa intervención ante os medios, a alcaldesa parabenizouse unha vez máis de que a Edar é resultado dun acordo entre as tres administacións –Concello, Xunta e Estado–, con achega de recursos europeos. “A Edar é un proxecto de país e precisa e require, polo tanto, de xenerosidade e acordo”, defendeu.
A alcaldesa tamén destacou que “é unha mostra de que se cumpren os compromisos”, no que ten que ver co financiamento da infraestrutura, como na eficacia e rigor co que se está a desenvolver. “Son boas noticias para o Sar, ese río que tanto inspirou a nosa poeta nacional, que tanta vida xerou ao seu redor, e que recuperará a calidade da auga. Un obxectivo ao que temos que sumar outros para preservar o noso patrimonio natural, e tamén cultural, e garantir así un futuro máis sustentable”, proclamou.
A previsión actual é que a obra da EDAR finalice no verán de 2026. En agosto de 2025 prevese a posta en marcha da fase I, deixando fóra de servizo a maior parte das instalacións existentes, mantendo unicamente a fase III da EDAR actual, a deshidratación e o edificio de control.
No verán de 2026 está previsto poñer en servizo a nova fase II e proceder á demolición do resto da planta actual, iniciando o período de posta en marcha do conxunto das novas instalacións. As obras comezaron en febreiro de 2024 e teñen un investimento de preto do 60 millóns de euros e para dar servizo a unha poboación de 277.000 habitantes equivalentes.