Compostela, 9 de abril do 2024 – Este luns comezaron as obras do Centro de Protonterapia, ao carón do Clínico de Compostela, que se espera que comece a funcionar no 2026.
A protonterapia permite tratar tumores de difícil acceso de forma máis precisa, segura e eficaz, o que acurta os tempos de tratamento e reduce os efectos secundarios. Destaca a súa importancia no tratamento de nenos precisamente por ser moito menos invasora.
Ao comezo das obras acudiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o reitor da Universidade, Antonio López, ademais de outras autoridades. Rueda destacou que Galicia é a primeira Comunidade en iniciar as obras do seu Centro de Protonterapia, situándoa á vangarda no tratamento contra o cancro.
O presidente en funcións da Xunta de Galicia engadiu que Galicia “será a primeira en ofrecer servizo aos pacientes da comunidade e doutras autonomías como Asturias e Castela e León” e insistiu na importancia tanto da “rápida evolución das obras, sempre en beneficio das familias e dos doentes que reciban o tratamento, coma dos aparellos de última tecnoloxía”.
Pola súa banda a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, congratulouse polo inicio das obras deste novo equipamento “que vén reforzar a capacidade terapéutica do CHUS” e que suporá “un excepcional avance para a curación e mellora da calidade de vida de moitas persoas da comunidade enteira”.
A rexedora comprometeuse a afrontar “con responsabilidade o reto que supón contar no ámbito urbano cun centro destas características” e manifestou a “total colaboración e dispoñibilidade” desde o Concello de Santiago para que este centro “continúe desenvolvéndose e integrándose na trama urbana coa calidade e os servizos que precisa”.
Características do novo centro
O futuro Centro de Protonterapia de Galicia vaise estruturar en dous niveis e disporá de tres zonas diferenciadas. En primeiro lugar, un espazo preparado para albergar dous equipos de protonterapia; outra zona destinada ao diagnóstico por imaxe e unha terceira área para consultas, salas de espera e espazos para a investigación.
En total, o edificio contará con máis de 3.600 metros cadrados que chegarán aos 6.000 contando os espazos exteriores.