Compostela, 21 de febreiro do 2023 – Santiago de Compostela destinará medio millón de euros a arranxar as deficiencias detectadas nos edificios que conforman a Praza de Abastos.




O proxecto conleva a reparación das as marquesiñas, os estores verticais e as portas corredizas das naves da Praza de Abastos. Tamén se renovará a instalación eléctrica da torre e realizaranse actuacións de fontanería para emendar incidencias recorrentes no baño adaptado.
O proxecto foi presentado polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, e o xefe do Servizo de Obras, Antonio Ranedo. Bugallo salientou que esta reforma “permitirá mellorar a funcionalidade da Praza de Abastos en beneficio dos placeiros e da propia clientela, ademais de facela máis atractiva do que xa é”.
Pola súa banda Gonzalo Muíños explicou que todas as obras levaranse a cabo “en horario de tarde” para garantir o “funcionamento normal da Praza de Abastos”, xa que ademais é o segundo monumento máis visitado da cidade.
As marquesiñas suporán algo máis do 65% do orzamento dispoñible para o total de actuacións de rehabilitación. Case 340 mil euros destinaranse a solucionar os problemas de filtracións de auga na cuberta. A intervención consistirá en incrementar a pendente do plano de vidro, mellorar as anclaxes e substituír o falso teito interior actual por outro de sinxelo mantemento.
Outra das actuais deficiencias da Praza de Abastos son as portas corredizas e os estores verticais da zona do murallón. Estes últimos serán substituídos por outros motorizados, que serán verticais, e non inclinados como actualmente, para evitar o desgaste dos enganches, e que irán guiados polos propios piares da marquesiña.
Sobre as portas corredizas, as actuais non contan cun marco de protección o que está a provocar roturas nos bordes. O que se propón é renovar as 16 portas con un novo modelo que teña un marco de aceiro inoxidable para evitar golpes e roturas.
Instalacións eléctricas e fontanería
Tamén se realizarán pequenas actuacións como a substitución da instalación eléctrica da torre: os cadros actuais son antigos, non se cambiaron na anterior remodelación, polo que urxe o seu cambio.
Por outra banda, no baño adaptado estábanse a rexistrar incidencias continuas por unha mala execución da actual arqueta que será tamén remodelada.