Onte inaugurouse a nova estación Intermodal Daniel Castelao e hoxe comeza a funcionar regularmente. Unha infraestrutura que cambia a faciana da cidade e conecta, agora si, bus e tren.

Un variado e nutrido grupo de autoridades inaugurou na mañá do mércores 25 de xuño a nova estación Intermodal de Compostela. A fronte a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o Secretario de Estado de Transportes y Movilidad Sostenible, José Antonio Santano. Os dous loubaron o traballo realizados nos últimos meses e o resultado obtido, destacando ademais a denominación Daniel Castelao para a estación.
Goretti Sanmartín aproveitou para lembrar o compromiso das novecentas prazas de parking e animou ao ministerio a impulsar o tren de proximidade como a conexión con Lugo. Tamén mencionou infraestruturas pendentes como o orbitaliño e apelou a seguir colaborando entre administracións.
Santano, o Secretario de Estado, explicou que o obxectivo de esta obra e aumentar a capacidade da estación tendo en conta ademais os novos servizos de alta velocidade. O novo vestíbulo chega aos mil cen metros cadrados , triplicando o tamaño do anterior.

NO novo edificio investíronse 41 millóns de euros aos que sumar 12 millóns mais que se destinaron a adaptación de infraestruturas de alta velocidade.
Novo edificio de viaxeiros innovador, accesible e sustentable
O novo edificio de viaxeiros da estación de Santiago de Compostela-Daniel Castelao construíuse elevado sobre as vías, con apoios nas plataformas existentes. O armazón da súa estrutura metálica foi izado nunha operación na que se empregou un guindastre de 600 toneladas e 70 m de altura.
O edificio conta con case 5.300 m2 de superficie construída, distribuída en cinco niveles seguindo un deseño funcional e eficiente, e adaptándose co mínimo impacto ás estruturas existentes (anterior edificio da estación, marquesiña histórica, escaleira imperial e pasarela peonil).
O vestíbulo principal ábrese a unha nova praza da Estación, de máis de 1.550 m2, salvando os desniveis existentes e integrándose na cidade mediante a súa conexión coa rúa Hórreo.
A actuación completarase co novo edificio de aparcadoiro, que, cunha imaxe similar á do novo edificio de viaxeiros e formando un conxunto integrado, aumentará a capacidade de estacionamento do recinto en máis de 900 prazas, ademais da adecuación do antigo edificio de viaxeiros para usos docentes e técnicos, área de subida e baixada de viaxeiros (kiss&ride), e zona de transporte público, nun conxunto dotado de plena accesibilidade.
