Desde música a charlas pasando por exposicións de fotografía, o Museo do Pobo Galego segue crecendo en actividades e presenta a programación do mes de xuño que hoxe comeza

O Museo do Pobo Galego ven de presentar aos medios a programación de actividades para o mes de xuño que hoxe comeza. As exposicións son parte fundamental pero tamén atoparemos concertos do máis interesante e actividades relacionadas co Día das Letras Galegas e as cantareiras, homenaxeadas este ano.
O sábado 14 terá lugar o concerto de Bouba, no xardín do Claustro do Museo do Pobo Galego. Será as doce e media e a entrada é libre ata completar aforo. O grupo de pandeireteiras integrado por María, Carme e Uxía da Pontragha e Maca do Pinheiro traerán o seu traballo Termando os Marcos.
As Bouba defínense como “herdeiras e transmisoras da cultura do país e da festa ben feita”. Co seu novo traballo resitúanse, nas súas propias palabras, “na aldea que nos pariu, a que nos deu o nome e nos mostrou que sen nós non había futuro”, para crear algo novo, pequeno, local e desde as marxes.
Seguindo con actividades vinculadas a mulleres cantareiras a exposición “Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión” terá unha serie de visitas guiadas os vindeiros 18/06 ás 19 horas, 10/07 ás 19 h, 22/08 ás 12 h e 18/09 ás 19 h.

Unha exposición, inaugurada en abril, na que o Museo do Pobo Galego homenaxea ás Cantareiras e á poesía oral. A partir de xuño e até setembro, dúas das súas comisarias, Isabel Vigo e Carme Campo (técnicas do APOI e DEAC do Museo, respectivamente), acompañarán ás persoas participantes nun paseo dialogado dunha hora de duración para afondar nos seus contidos, centrándose no papel fundamental das mulleres como creadoras e transmisoras desta oralidade.
Unha oportunidade para coñecer anécdotas que se foron dando ao longo da súa creación e comprobar que é unha mostra en continuo crecemento, que medra coa memoria de todas e todos nós. A actividade está dirixida a persoas adultas. É gratuíta con inscrición previa (máximo de dúas por correo) en servizosdeac@museodopobo.gal até un día antes de cada data.
Tamén vinculado ás Cantareiras, e á exposición, o Museo do Pobo Galego presentará este mes unha peza audiovisual o domingo, 29/06/2025, ás 12:00 horas no auditorio do museo. Unha peza que tece, a través dos testemuños dunha trintena de persoas, cantareiras, músicas, investigadoras e persoas achegadas ás homenaxeadas polas Letras Galegas deste ano, o tapiz da música tradicional galega e das mulleres como principais creadoras e transmisoras da tradición, ademais de pór en valor a importancia dos arquivos sonoros como ferramenta de conservación e continuidade da identidade oral. Entrada libre até completar capacidade.
Exposicións
No Museo do Pobo Galego están vixentes outras exposición igualmente interesantes. Unha delas leva por nome “Espazos contra o baleiro”. Estará até o 26 de outubro. Trátase dunha intervención expositiva en lembranza do intelectual e artista Isaac Díaz Pardo, membro fundador e presidente do Padroado desta institución desde o ano 2000 até o 2011 e homenaxeado do Día das Artes Galegas 2025.
A mostra fai un percorrido polo seu papel na refundación do Seminario de Estudos Galegos, a súa particular vinculación co Museo do Pobo Galego e o seu labor a prol da memoria histórica.
Impulsada polo Museo do Pobo Galego, conta co labor de Xosé Ramón Fandiño, María Xosé Fernández Cerviño e Pilar Sampedro no equipo curatorial.

Outra das exposición a descubrir é a denominada “Entre amigos”, aberta ata o 24 de agosto na Ala sur do Museo e que reúne pezas da XIII Bienal de Fotografía Etnográfica das Socias e Socios do Museo do Pobo Galego,
Entre Amigos, ten este ano unha temática marcada fundamentalmente polas Letras Galegas 2025, con varias instantáneas sobre o patrimonio inmaterial referido á nosa música, como son as de Denís Estévez, José María Laredo Cordonié, José Francisco Mëndez García, Jesús García Devesa, Nolo Suárez, Manuel Otero López e Lois Ladra. Tamén participan, con outras temáticas Anxo Regueiro, Carmen Villar, María Soledad Pintos Peñaranda e María Jesús Fariña Busto.
No ano Castelao o Museo do Pobo Galego lembra o convulso retorno do corpo do galeguista na exposición “Castelao: o retorno a Galicia, 1984” de Xan Carballa, que estará aberta ata o 28 de este mes na Ala sur. A mostra, procedente do Museo de Pontevedra, reúne 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa durante os actos levados a cabo en Santiago con motivo do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o 28 de xuño de 1984.
Concretamente, en tres espazos: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, lugar onde foi soterrada a gran figura do galeguismo.
Comisariada por Xosé Enrique Acuña, a exposición pode verse de martes a sábados até o 28 de xuño, cando celebraremos un acto especial de peche da mostra, coincidindo co aniversario da xornada de regreso e enterramento do corpo do intelectual galeguista.
E seguindo con fotografía o Museo do Pobo Galego ofece este mes, desde o 10 e até o 13 de xullo, os traballos premiados no 20º Concurso de Fotografía Xurxo Lobato. As fotografías gañadoras no 20º Concurso de fotografía Xurxo Lobato serán expostas nunha mostra no Claustro baixo do Museo do Pobo Galego.
Na mostra poderán verse os traballos gañadores do certame: 1º premio para “Marcado”, de Bruno Álvarez Giménez do IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo; 2º premio para “Ahogada en silencio” de Ashlee Sofia Rengifo Hincapié do IES Adormideras da Coruña, 3º premio para “Retrato de artista” de Sarai Fernández Barreiro, do EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, premio especial 20 aniversario á mellor fotografía que reflicte a cidade da Coruña a “Faro da nosa vida” de Nerea Márquez Díaz, do IES Monelos da Coruña; e as seguintes Mencións de Honra: “Luz entre sombras” de Alejandro Lorenzo Naya do IES Monelos, “Aire” de Lucía Bertoa Fernández do EASD Pablo Picasso da Coruña e “Os sentimentos do meu interior” de Uxío Rudiño Lorenzo do IES Brión.
O concurso, organizado pola Asociación de Amigos do Instituto Monelos da Coruña, busca fomentar a fotografía como un xeito de creación entre a xente nova, ademais de promocionar e defender o ensino público galego. O xurado do vixésimo concurso estivo integrado por Xosé Antón Fraga (presidente), Patricia Fontanilla, Marcos Sánchez, Lucía Patiño, Xosé Díaz e Xoán Antón Pérez-Lema (secretario do xurado, sen voto). Os premios foron entregados nun acto celebrado o 12 de maio no salón de plenos do Concello da Coruña.
O museo acolle
Finalmente dentro do programa O museo acolle, presentarase o programa do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Será o venres 20 de xuño no auditorio do museo. A Federación Galega pola Cultura marítima e Fluvial, a Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna e o Concello de Ribeira presentan este Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
O Porto de Ribeira acollerá durante catro días, do 17 ao 20 de xullo, unha ampla e variada mostra de embarcacións tradicionais de distintas tipoloxías, tanto galegas como doutras comunidades peninsulares e europeas. O programa incluirá música, teatro, humor, obradoiros, ludotecas e narrativa oral, de artistas locais, galegos e internacionais. Co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
Ao longo do mes haberá máis actividades como presentacións de libros ou a celebración do Día Europeo da Música das que iremos dando conta pero polo momento xa podedes ir enchendo a axenda.
