Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral
  • Axenda
  • Compostela

Transfronteiriza no Museo do Pobo Galego

O Nuseo do Pobo Galego rescata a memoria da Raía en Transfronteirirza

museo do pobo a barca dos pepes 21 setembro 2026 (3)

Compostela, 24/010/2026 – O Museo do Pobo Galego inaugurou  Transfronteiriza, a nova expo-instalación de Diana Gonçalves, promovida polo Museo e Raia Creativa.

Froito de tres anos de investigación e creación sobre a fronteira entre Galicia e o norte de Portugal, o proxecto recupera as historias das trapicheiras e as memorias dos territorios, entrecruzando vidas e patrimonio de fronteira, a través dun diálogo entre cinema, documentación histórica, obxectos e patrimonio material.

As trapicheiras: recuperar as protagonistas dunha historia pouco contada; as historias das trapicheiras e a vivencia propia de fronteira son o fío condutor de Transfronteiriza; mulleres que cruzaban a fronteira, entre os anos corenta e setenta, sendo partícipes dunha longa cadea comercial nun contexto de periferia económica, escaseza de emprego e salarios baixos; as súas prácticas de subsistencia ligadas ao comercio foron un acto de resistencia contra a pobreza e falan dunha realidade na que a condición de fronteira podía converterse nunha oportunidade para saír adiante.

A investigación parte do traballo cinematográfico Mulleres da Raia, no que Diana Gonçalves recolleu os testemuños das trapicheiras, e amplía a mirada sobre os lugares que percorreron na procura das pegadas da súa historia na documentación histórica.

Esa pescuda levou a autora ata un arquivo de Lisboa, onde localizou documentos oficiais relacionados coa construción dun novo posto fronteirizo nos que aparecían mencionadas estas mulleres. Nun plano, a denominación histórica oficial do edificio recollía a expresión “posto de control de pasaxe das trapicheiras” (Valença do Minho).

Unha referencia que aparecía tamén en correspondencia dirixida ao ministro de Obras Públicas. O uso dese rexionalismo no feminino dá conta da importancia deste fluxo diario e recoñece as trapicheiras como suxeitos históricos, protagonistas dunha historia que permaneceu en boa medida á marxe dos relatos oficiais e sobreviviu, sobre todo, na memoria oral.

Das cintas á exposición: a memoria máis alá da pantalla

Transfronteiriza xurdiu da necesidade de dar unha nova vida aos materiais que quedaran fóra da montaxe final de Mulleres da Raia. A idea de explorar outras formas de traballar con eles xurdiu no propio Museo do Pobo Galego, durante unha visita a unha das exposicións vinculadas á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE).

A este impulso creativo sumouse a urxencia de preservar as gravacións, xa que as cintas orixinais comezaban a deteriorarse e algunhas xa non puideron recuperarse. A dixitalización do arquivo converteuse así nun paso fundamental para garantir a conservación deste legado, un labor para o que Diana Gonçalves contou coa colaboración da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Agora, as propias cintas e unha selección do material recuperado forman parte da exposición, como pegada física da investigación e creación. O proxecto traslada así materiais cinematográficos ao espazo museístico e explora as posibilidades narrativas que xorden do encontro entre imaxes, documentos, obxectos e arquitectura.

Un percorrido entre o tránsito e a confluencia

A exposición organízase en tres espazos. A primeira sala, Tránsito, evoca unha estación transfronteiriza e o momento previo a cruzar ao outro lado: un espazo de espera e movemento, iniciando un percorrido pola vivencia persoal da fronteira, pola doutras mulleres e pola da propia autora.

O corredor central ofrece unha contextualización histórica da Raia, tanto fluvial como seca, e das transformacións que modificaron a relación entre ambos os territorios, desde os controis fronteirizos ata a liberdade de circulación e a cooperación veciñal.

Finalmente, Confluencias sitúa o Miño non só como fronteira, senón sobre todo como espazo de encontro, amais de traballo, subsistencia e lecer. Nesta última sala, destaca a barca dos Pepes, os restos dunha embarcación recuperada do río coa participación da veciñanza e incorporada á exposición xunto con imaxes da súa recuperación e gravacións vinculadas á memoria da comunidade.

A peza dialoga co debuxo Na veira do Miño, incluído no Álbum Nós, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cedido polo Museo de Pontevedra. Foi arredor desta peza como a autora conseguiu definir o proxecto que tiña entre mans: «son cousas da fronteira unidas pola narración dunha transfronteiriza».

A través de todos estes materiais, a expo-instalación entrecruza a investigación histórica e a creación artística para abordar a fronteira desde as experiencias das persoas que a habitaron e a seguen percorrendo.

Inauguración e datas

Producida polo Museo do Pobo Galego e Raia Creativa, Transfronteiriza é tamén resultado dunha rede de colaboracións que foi medrando ao longo do proceso de creación, con participación de entidades e institucións de ambos os lados da fronteira. Así, o proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, Pipeworks, o Museo de Pontevedra, o Ministerio de Defensa (CEGET), a Cámara de Valença, a Cámara de Melgaço, Patrimonio de Portugal, a Casa do Poço, e o Museu da Guarda Nacional Republicana (GNR).

No acto de inauguración interviñeron o xefe da División de Historia e Cultura da Guarda Nacional Republicana, o coronel José Miguel Silva Vieira; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei.

Tamén asistiron representantes do Municipio de Valença, do Concello de Tui e da Universidade de Lisboa, entre outras entidades e institucións que apoian o proxecto. A inauguración contou ademais coa actuación musical de Luar do Minho, grupo con sede na localidade portuguesa de Valença que promove o coidado e valorización do cancioneiro galaico-português.

A expo-instalación poderá visitarse até o 28 de marzo de 2027 na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, en horario de luns a sábados de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Post navigation

Previous: Aprobado a mellora e acondicionamento do complexo deportivo de Pedrouzos en Brión
Next: Un banco para compartir en Compostela

Máis novas

bng maes parquing milladoiro 6 novembro 2026
3 minutes read
  • Xeral

As incógnitas do aparcadoiro do Milladoiro

deputacion via verde remata en marzo 6 de novembro 2026 (1)
4 minutes read
  • Xeral

A Vía Verde podería estar rematada en marzo

KD&L
3 minutes read
  • Axenda

Kitty, Daisy e Lewis abren o Outono Códax Festival

Sesión constitutiva IX Lexislatura
3 minutes read
  • Xeral

Os colexios seguen pedindo reformas

Teo: Mara Cajaraville foi afeccionada aos cabalos dende que era moi pequena. Fotos familiares
5 minutes read
  • Xeral

San Martiño 2026

noia vai de tapas 5 novembro 2026 (2)
4 minutes read
  • Xeral

Noia vai de tapas

ames aproba novo credito para gastos ordinarios 2 novemro 2026
10 minutes read
  • Ames

Ames aproba un novo crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros

cineurop a40 aniversario 2 novembro 206
8 minutes read
  • Axenda

Cineuropa celebra 40 anos

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2086) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2830) Curtocircuito (40) Deportes (751) Economía (450) Educación (778) eleccions (50) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (623) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1441) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1626) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (832) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (738) Politica (951) saúde (534) Servizos (2704) sindicatos (109) Social (567) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (588) urbanismo (265) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o seu uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non necesarias ou configurar as túas preferencias. Política de cookies

Configure cookies

Necesarias para que o sitio web funcione correctamente. Non se poden desactivar desde este panel.

Axudan a medir o uso do sitio web e a mellorar os seus contidos.

Permiten publicidade, medición de campañas ou personalización de anuncios.

Gardan preferencias ou permiten contido externo non necesario.