Compostela, 1 de xuño do 2020 – Un dos mellores museos sobre Galicia e os Galegos, o Museo do Pobo situado en Bonaval, abre de novo as súas portas tras dous meses de inactividade.
O pasado 14 de marzo o Museo do Pobo Galego veuse obrigado a pechar en cumprimento da normativa sanitaria vixente para espazos públicos pechados. Obriga e responsabilidade co fin de impedir a transmisión do virus Covid-19 e garantir a seguridade do persoal e do público do Museo.
Despois de dous meses e medio, o Museo pode volver a abrir para o que adoptou unha serie de medidas co fin de garantir o dereito de acceso da cidadanía á cultura. O público visitante deberá ter en conta unha serie de indicacións ao acceder ao Museo, indicacións que terán expostas na entrada da entidade onde o persoal estará tamén para axudar e responder a calquera dubida e que tamén estarán dispoñibles na páxina web do Museo.
A estas indicacións xerais que veñen da normativa sanitaria, o Museo tamén acometeu traballos de sinaléctica e adaptación dos aforos e da circulación para manter a distancia recomendable entre o público visitante.
Para adaptarse mellor a nova situación estableceuse un novo horario de apertura con xornada continuada, que vai de 11.00 ás 18.00 horas, e os domingos de 11.00 ás 14.00 horas. Mantense o habitual peche dos luns para o público. Este horario estará en vigor desde o este martes 2 de xuño, xornada na que a entrada vai ser de balde.
O Museo reabre programando a micro exposición titulada A peste, outra vez!. Realizada con fondos propios estará instalada no andar alto do claustro durante os meses de verán. Ademais, o día 9 de xuño volverase a abrir a mostra As pequenas cousas, que viu diminuído o seu tempo de exposición por mor desta pandemia.
O acceso á biblioteca e arquivo quedará restrinxido a persoas investigadoras e a atención prestarase preferentemente de maneira telemática. En caso de necesaria atención presencial, será con cita previa.
Na web www.museodopobo.gal pódese consultar toda a información e actividades.