Será este sábado, 27 de setembro, ás 20 horas, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, con entrada libre até completar capacidade.
“586 cantos”, o espectáculo audiovisual con música en directo producido polo Museo do Pobo Galego en homenaxe ás voces do Cancioneiro Popular Galego, poderá verse este sábado, 27 de setembro, no Auditorio do Museo, ás 20 horas.

Con entrada libre até completar capacidade, será o acto de peche da exposición “Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión”, que ese día permanecerá aberta até as 20 horas, fóra do horario habitual, para todas as persoas que queiran visitala até o inicio do espectáculo.
586 cantos é unha idea orixinal da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo para pór en valor o papel da poesía popular oral e das cantareiras. A peza toma como punto de partida o legado que Dorothé Schubarth doou ao Museo do Pobo Galego hai agora unha década, en setembro de 2014: gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras froito do traballo de campo levado a cabo entre os anos 1978 e 1984 pola etnomusicóloga coa colaboración de Antón Santamarina.
Ese material, que serviu de base para os sete volumes do Cancioneiro Popular Galego, editado pola Fundación Barrié, é o punto de partida dunha posta en escena que combina a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, coa reinterpretación de oito destes cantos da man de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal. Tamén colaboraron na creación deste espectáculo Antía Ameixeiras nos arranxos musicais, Isabel Vigo na documentación, Jesús García no son e Ana Estévez na idea e produción executiva.
Muiñeiras, xotas, arrolos e outros cantos recollidos a informantes de toda Galicia combínanse nun percorrido dende a costa até o interior que pasa por Camariñas, Dumbría, Carballo, Cerceda, Arzúa, O Saviñao e A Fonsagrada. Desde a súa estrea en Santiago de Compostela, 586 cantos foi representado no Teatro Colón da Coruña, en Malpica de Bergantiños, en Ordes, en Carballo e en Cerceda, para volver agora ao lugar onde se xestou.
O espectáculo fai parte da programación paralela impulsada polo Museo do Pobo Galego ao redor das cantareiras e a poesía oral, co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e que tivo como eixo principal a exposición de produción propia Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión, inaugurada en abril deste 2025.
