Este mércores comezou Mover os Marcos. Un evento de conversas e concertos que durará ata o vindeiro día 4 e que está apoiado pola Universidade de Santiago de Compostela

Compostela acolle estes días unha nova edición de Mover os Marcos, o encontro xeracional que combina diálogo social e propostas culturais en directo para a mocidade.
As conversas son as protagonistas de Mover os Marcos. O Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolle mesas ao redor de temas como a lingua, o ecoloxismo, as migracións ou os dereitos. Doutra banda a Igrexa da USC acolle concertos falados de Hugo Guezeta e Alana. O Festival culminará o sábado cunha xornada ateigada de programación na Casa das Máquinas.
Conversas sobre lingua, ecoloxía e dereitos
O ciclo de mesas de debate abriuse onte mércores con “Proxectos para vivir en galego”, unha conversa na que Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García compartiron experiencias arredor de iniciativas educativas e sociais que teñen como obxectivo común salvagardar a lingua galega e garantir a súa transmisión ás novas xeracións.
Hoxe será a quenda de “Coidar do noso”, unha mesa coa presenza de ADEGA, Blondiemuser (Paula Vilaboy) e Rogelio Santos. A sesión recuperará a memoria das grandes loitas ecoloxistas galegas e conectaraas cos retos actuais, abordando tamén como a comunicación dixital pode transformar a sensibilización ambiental.
O venres 3 de outubro, o ciclo péchase con “Vivir na Galiza dos anos 20”, unha conversa centrada nos desafíos máis urxentes da mocidade actual: dereitos LGTBI, acceso á vivenda e migración. Intervirán Daniela Ferrández, a Plataforma Vivenda Xa e Barry Elhadj Mamadou (Guinea Conakry), achegando distintas perspectivas sobre como construír unha Galiza máis xusta e inclusiva.
Todas as conversas terán lugar no Auditorio de Xornalismo ás 18:30 horas e estarán abertas á participación do público.
Concertos falados: outra maneira de vivir a música
As noites están reservadas para os concertos falados, un formato que combina actuación en directo e entrevista, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer en profundidade o proceso creativo das artistas e vivir a súa música desde outra ollada.
Onte a Igrexa da Universidade acolleu o concerto falado de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. Hoxe xoves será a quenda de Alana, que compartirá escenario e conversa con Alejandra Tojo.
A cita ás 21:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. As portas abrirán media hora antes.
Programación
Xoves, 2 de outubro
18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa: Medio e ecoloxía: coidar do noso (ADEGA, blondiemuser, Rogelio Santos)
21:00 h | Igrexa da Universidade → Concerto comentado con Alana, dinamiza Alejandra Tojo
Venres, 3 de outubro
● 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa Vivir na Galiza dos anos 20 (Sonia Díaz, Daniela Ferrández, Plataforma Vivenda Xa e Barry Elhadj
Mamadou)
Sábado, 4 de outubro | Casa das Máquinas
12:00h → Break Dance coa Vella Escola
12:30h → Presentacións curtas: Rebelico, Lixo Atelier
13:00 h → Sesión vermú Concerto de Leria
16:00h → Podcast en directo Prendídisima
17:15 h → Actuación do Colectivo do Flow
18:30 h → Presentacións curtas: Horta Creativa, O Tinglao de Carnota, Orgullo Galego
19:00 h Podcast en directo Todo Mal
20:00 h → Concerto de Tiam GZ
*A xornada complementarase con postos dun mercadiño e espazos de conversa entre creadores, entidades e público.
Todas as actividades de Mover os Marcos 2025 son de balde e sen reserva ata completar aforo. O proxecto está promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop. Máis alá da súa programación, o festival quere deixar unha mensaxe clara: pensar, debater e celebrar xuntos é o camiño para construír unha vida mellor.
