Compostela, 22 de abril do 2024 – Compostela Aberta e BNG presentarán unha moción conxunta ao pleno municipal de Compostela sobre a oposición á fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei.
A moción que os grupos que gobernan en Compostela presentan obrigará a PSdeG e PP a tomar posición sobre o proxecto de Altri. En concellos como Melide ou Padrón os socialistas votaron a favor de mocións semellantes e o PP abstívose pero polo momento é unha incognita que sucederá en Compostela.
O voceiro socialista en Compostela, Gonzalo Muíños, dicia en rolda de prensa que agardaran a que o partido analice toda a documentación sobre o proxecto e tome unha postura para decidir cal será o sentido do seu voto. O pleno é este mércores polo que é posible que teña que decidir sen que o partido marque unha liña.
Na moción en contra de Altri explícase que se trata dun proxecto cun informe impacto no territorio e na paisaxe. Un dato que fai que se cuestione tamén no ámbito de protección do BIC Camiño de Santiago e noutros bens culturais da contorna.
Compostela Aberta e BNG inciden en que o proxecto de Altri tramitouse “con absoluta falta de transparencia e con enganos, xa que durante máis de dous anos se publicitou unha factoría circular de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación.
Como en mocións semellantes presentadas en distintos concellos destácase tamén que a implantación terá un impacto ambiental crítico nunha zona que foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 e que alberga hábitats e especies de alto valor ambiental e que están en risco de extinción.
As emisións de gases contaminantes tamén terán unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante.
Outro dos puntos negativos é nas actividades económicas e no emprego na contorna, “que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial proposta por Altri; ademais de condicionar, de maneira decisiva, a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega”.