Compostela, 28 de xuño do 2022 – Os grupos da oposición en Santiago, BNG, CA e PP, levarán ao vindeiro pleno unha moción conxunta que reclama o cumprimento do contrato de recollida de lixo e do convenio laboral da empresa.

As demandas sobre a recollida de lixo, e a situación laboral dos empregados, nacen segundo a oposición, do mal funcionamento do servizo e das reclamacións do persoal sobre o quebrantamento das condicións laborais.
O pleno terá que debater as queixas da veciñanza sobre a limpeza das rúas, as papeleiras sen baleirar ou o mal estado dos colectores. Situación que, explican, non cambiou cun novo contrato que incluía melloras que non se compren e instan ao goberno a realizar as inspeccións necesarias para que si se faga.
No relativo aos medios materiais, a moción fai referencia ao mal estado dos colectores, a falta de mantemento dos colectores soterrados, e á escasa dotación de máquinas barredoras, fregadoras e de camións de recollida.
No que ten que ver co persoal, os grupos da oposición recordan as queixas do comité de empresa de Urbaser, “das que eran coñecedor o Goberno desde novembro de 2021, e que advirte do incumprimento da bolsa de traballo existente ao non respectar a antigüidade para poder ter posibilidade de optar a contratos indefinidos tras xubilacións parciais ou totais, e reclama tamén a contratación das persoas que a empresa ofertou na adxudicación, para que se conforme o número de brigadas suficientes para a realización do traballo diario”.
A voceira de Compostela Aberta Marta Lois lembraba onte que “os tres grupos da oposición levaron xa a Pleno mocións nas que recolliamos as queixas dos traballadores e traballadoras, e como é habitual Bugallo preferiu mirar para outro lado argumentando que as relacións entre a empresa e os traballadores non lle incumben, ainda cando falamos dun servizo municipal tansensible e que lle afecta directamente á veciñanza como é o da recollida do lixo”.