Compostela, 7 de febreiro do 2024 – O monte Pedroso en Compostela xa ten un “Miradoiro das estrelas” cuns accesos mellorados e uns espazos reordenados.
A iniciativa segue os pasos do movemento Slowlight que procura unha iluminación pública sustentable. O miradoiro encaixa na iniciativa que pide tamén que se elimine a contaminación lumínica das contornas urbanas.
A alcaldesa Goretti Sanmartín, acompañada dos concelleiros Xesús Domínguez e Manuel César, realizaron unha visita ao planisferio celeste, gravado en granito, situado no cume do Monte Pedroso. O mapa celeste permite coñecer e identificar as constelacións, nunha representación da súa situación un 25 de xullo en Santiago de Compostela. Na zona hai bancos para convidar á observación e fotografía nocturna das estrelas desde este lugar emblemático.
A actuación foi financiada cos fondos EDUSI que poñen en valor a riqueza natural e patrimonial do Pedroso.
Habilitáronse espazos de descanso, zona de contemplación diurna das vistas da cidade, zona de contemplación nocturna, incorporación e consolidación de masas vexetais, posta en valor do conxunto, así como a mellora do equipamento e do uso social dese espazo.
Esta proposta desenvolveuse nunha superficie de 401.405 m2 atendendo a elementos históricos, ambientais e da divulgación científica.