Compostela, 7 de xaneiro do 2019 – Boas novas para comezar o ano en Compostela xa que o Ministerio de Fomento ven de anunciar a licitación do remate do Orbital e de mellora do firme do periférico.
As obras de remate do enlace orbital completará todos os movementos posibles entre a estrada AP-9 e a autovía a Lugo, A-54. A actuación no punto quilométrico 91 en San Marcos repercutirá tamén na comunicación dos polígonos do Tambre e Costa Vella.
Características técnicas
Cun orzamento de máis de 25 millóns de euros as obras consistirán na construción dunha nova ligazón no PK 64+500 da AP-9, resolvido mediante unha glorieta superior sobre o tronco da autoestrada AP-9 e catro novos ramais.
A ligazón Orbital, conectarase de forma directa mediante un novo vial con sección de autovía (dous carrís por sentido con mediana) de 800 m de lonxitude, coa actual ligazón de San Marcos da A-54 ( PK 91).
Así mesmo, executarase un novo carril de trenzado ( PK 66) entre os vehículos que se incorporan sentido A Coruña ao tronco desde a ligazón Santiago Norte, cos vehículos que saen desde a AP-9 cara á ligazón Orbital.
Esta nova ligazón permitirá desconxestionar tráficos da actual ligazón de Santiago Norte ( PK 67) da AP-9 en horas punta, onde conflúen tanto os tráficos que se dirixen cara ao centro cidade como os xerados polos polígonos industriais antes citados. Desta forma os tráficos cara aos polígonos pasarán a encamiñarse preferentemente a través da nova ligazón Orbital.
Finalmente, a nova ligazón Orbital completará as conexións entre a AP-9 e o aeroporto internacional de Lavacolla.
Mellora do periférico
O Ministerio de Fomento licitou tamén o contrato de obras para acometer traballos de rehabilitación e repintado do firme do periférico de Santiago de Compostela, SC-20, entre o Polígono do Tambre e a glorieta de Milladoiro, na provincia da Coruña.
O orzamento de licitación do contrato é de 241.903 euros. O proxecto prevé efectuar unha reparación do firme nos tramos en peor estado mediante fresado e posterior reposición do mesmo, para posteriormente mellorar a capa de rodadura do firme na totalidade do tramo de SC-20 entre o Polígono do Tambre ( pk 0+000) e Milladoiro ( pk 10+350), ademais de incluír o repintado final das marcas viarias das calzadas do tronco.
