Compostela, 2 de outubro do 2024 – A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión de traballo co responsable de MERCASA, José Miñones, para avanzar na posta en marcha da plataforma loxística.
A plataforma deberá converter a Compostela nun referente no noroeste peninsular e no eixe atlántico da distribución de mercadorías en última milla. A reunión continuou os traballos e conversas mantidos entre ambos os dous cargos no pasado mes de maio.
A alcaldesa mostrouse leda de que o presidente de MERCASA ratificara o compromiso adquirido coa cidade. Os traballos continuarán buscando xerar dinámica de colaboración que impulsen o proxecto de plataforma loxística na que Merca Galicia Compostela terá unha importancia vital.
Mercasa e o Concello de Santiago son entidades socias en Mercagalicia e comparten un proxecto, “o xerme ao que se engadirá a plataforma loxística e que quere constituír no futuro nodo loxístico”, en palabras da rexedora.
O obxectivo último é converter Santiago de Compostela nun centro loxístico fundamental, máis ambicioso, para distribución de mercadorías para a Cidade Histórica, mais tamén para afondar na diversificación económica, que permita potenciar a industria e a relación entre o sector primario e a industria para buscar un maior equilibrio co sector servizos.
Pola súa banda, Mercasa defende o impulso de cara a poñer en marcha canto antes esta iniciativa para a mobilidade sostible de mercadorías e sinala que Santiago é a cidade escollida para impulsar o proxecto de última milla pioneira no Estado, que será exemplo para a distribución de mercadorías en zonas históricas de todo o país.
Miñones acudiu a esta reunión de traballo acompañado da directora de desenvolvemento corporativo e persoas de Mercasa, Mayte Castillo, e a directora de comunicación de Mercasa, Mercedes Cernadas.