Compostela, 14 de decembro do 2023 – A primeiros de mes presentábase o Mercado da Estrela que chega a súa doceava edición a partir de este venres día 15.

A concelleira de Promoción Económica, María Rozas; a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; e a directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías foron as encargadas no seu día de avanzar a programación.
María Rozas definiu ao Mercado da Estrela como “un festival urbano de Nadal no que as persoas creadoras de Galicia amosan o froito do seu talento nas vésperas das festas para que as persoas visitantes desfruten das súas creacións, pezas, produtos, elaboracións e composicións durante o evento ou as convertan en orixinais e innovadores agasallos adquiridos baixo o selo de talento galego”.
O mercado da Estrela é unha “Feira Creativa de Agasallos” e celebrarase no mosteiro de San Martiño Pinario e no 2º andar do Centro Obra Social Abanca na Praza de Cervantes. Este ano incorpora ademais unha nova zona infantil con xogos xigantes, obradoiros e gardería-ludoteca para a cativada e visitas guiadas ao espazo patrimonial. A programación musical e a oferta gastronómica dividirase entre a praza 8 de marzo e a pista cuberta do Centro Don Bosco coa novidade dun karaoke navideño.
Case un centenar de marcas de artesanía, moda, ilustración, xoguetes, fotografía, deseño, decoración, edición, produtos enogastronómicos e últimas tendencias poderán participar na feira creativa contemporánea ata o domingo cunha oferta que completará a súa proposta con foodtrucks, postos de restauración e un atractivo programa de concertos, sesións picadiscos e obradoiros.

A cita terá, no apartado musical, tes protagonistas de luxo como Ataque Escampe, Mondra nun formato especial e como novidade un karaoke navideño a cargo de Esteban, Lontreira e Familia Caamagno o sábado e Catuxa Salom, maríagrep e Grande Amore o domingo.
María Rozas engade que se trata de “Un festival de balde que reparte os seus contidos entre diferentes espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela para redescubrilos a través dun percorrido que permite coñecer a impresionante riqueza arquitectónica e cultural desta cidade Patrimonio da Humanidade mentres se desfruta do animado ambiente que caracteriza ao festival e se descubre o talento creativa das novas marcas de Galicia”.
A ampla programación para esta 12ª edición está xa dispoñible en RRSS e ao igual que a Feira Creativa e as Zonas Gastronómicas, será de acceso gratuíto.
