Compostela, 17 de outubro do 2024 – A casa das Máquinas de Compostela, situada en Galeras e antigo espazo vinculado á luz eléctrica, acollerá o “Mercado da Luz”.
Os últimos sábados de cada mes o “Mercado da Luz” será un espazo para o troco e a compra-venda de artigos usados. Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Mercados, aberta a todos os veciños e veciñas de Santiago.
O concelleiro Xan Duro explicou en rolda de prensa que o obxectivo “é apostar pola reutilización e pola economía circular, concienciar á veciñanza dun consumo máis responsable e, ao mesmo tempo, tecer comunidade”.
O concelleiro de Centros Socioculturais explicou que o “Mercado da luz” toma o seu nome da denominación pola que os traballadores do edificio de Galeras coñecían o inmoble: “Casa da luz”; e xoga coa idea de “sacar á luz obxectos, prendas, mobles ou xoguetes, que todos e todas nós temos esquecidos nas nosas casas e aos que tal vez alguén lles queira dar unha nova vida”. Xan Duro explicou que con esta iniciativa “apostamos pola economía circular, pola reutilización e reciclaxe de produtos para prolongar a súa vida útil e diminuír o consumo de recursos, que é un dos obxectivos do desenvolvemento sostible e tamén da Axenda Urbana 2030”.
Iniciativa dirixida a particulares
O “Mercado da Luz” celebrarase os últimos sábados de cada mes, desde o próximo 26 de outubro, ata o 28 de decembro. Tamén se prevé unha xornada especial dedicada aos agasallos, o 14 de decembro, ás portas da celebración do Nadal.
No mercado poderán participar persoas individuais, pero non empresas, que desexen vender ou intercambiar obxectos aos que xa non lles dean uso. Cada participante contará cun espazo delimitado dentro da Casa das Máquinas, que poderá utilizar en quendas de mañá (10:00 a 14:00 horas), de tarde (16:00 a 20:00 horas), ou de todo o día.
Desde a organización farase un control dos obxectos á venda, e non se permitirán aqueles que estean en moi mal estado, ou que fagan apoloxía do racismo, incumpran a Lei de Memoria Histórica, así como obxectos sexuais, ou armas de fogo.
Para participar, será preciso inscribirse a través da web municipal desde dez días antes do mercado, cubrindo un formulario que nesta ocasión estará activado a partir do próximo venres 18 de outubro.