Compostela, 25 de outubro do 2024 – O maratón de lectura da Granell é un clásico dos eventos de Compostela no que participan veciños e coñecidos da cidade, o vindeiro 27 de novembro celebrará unha nova edición na que xa nos podemos apuntar.

O obxectivo é coma sempre a promoción e o apoio á literatura. A data na que se celebrará coincide coa semana do aniversario de Eugenio Granell (28 novembro) e Amparo Segarra (9 decembro).
Para este 2024 a Fundación Eugenio Granell elixiu o libro “Federica no era tonta y otros cuentos”. Publicado en México en 1970 e reeditado en Madrid no 1993, tralo retorno de Granell a España. O libro contén dez pezas narrativas que Eugenio Granell creou ao longo dos seus anos de exilio en América.
Desde a Fundación Granell destacan a colaboración para esta edición da Cátedra José Ángel Valente da USC, dirixida por Claudio Rodríguez Fer. A tradución ao galego dun dos contos “A Cámara negra” incluído no libro realizouna a investigadora, tradutora e doutoranda, Laura Paz Fentanes. A dita tradución está publicada na revista EVOHÉ, Revista Cultural desde 1996. Monográfico Carmen Blanco, nº 35, 2024.
Como todos os anos poderemos achegarnos ao Museo de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 19.30h, a escoitar ou a participar lendo algún fragmento da obra do escritor seleccionado. Para facer máis doada a organización da actividade, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.
A Fundación quere ademais agradecer a participación daqueles que, “ano tras ano, nos veñen acompañando no desenvolvemento desta actividade e animar a todas/os a unirse á celebración deste ano”.