Compostela, 23 de maio do 2024 – O concello de Santiago organiza a oitava edición de “Compostela máis solidaria” os días 29 e 30 de maio e 7 de xuño.
“Compostela máis solidaria” é unha proposta de sensibilización arredor das realidades migrantes que forman parte da contorna e das que, como sociedade, non sempre somos conscientes.
O programa está impulsado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, co apoio do Concello de Santiago, a través da Unidade de Atención ás Migracións. As actividades foron presentadas pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e a presidenta da Coordinadora, María Paz.
Nesta edición “Compostela máis Solidaria” quere “reivindicar a escoita atenta e a conversa pausada, e poñer en valor a información de primeira man, fundamental para fortalecer a reflexión e o criterio persoal fronte aos bulos”.
Compostela co sur global
O programa comezará o mércores 29 de maio, co encontro “Compostela co Sur Global” no que se vai mostrar a relación do Concello de Santiago coa cooperación ao desenvolvemento. O acto, no edificio Cersia de 16:30 a 18:30 horas, ofrecerá a posibilidade de coñecer en profundidade os proxectos de cooperación internacional apoiados polo Concello a través da súa convocatoria pública de subvencións para a cooperación ao desenvolvemento.
Na xornada farase un percorrido por seis proxectos que foron posibles grazas a esas axudas municipais, da man das organizacións galegas que os impulsaron (Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional, Arquitectura sen Fronteiras, Fundación Vicente Ferrer, Asociación Proyde e Solidariedade, Educación e Desenvolvemento) e dúas socias locais (Redes, dende O Salvador, e Siembra dende Guatemala).
María Rozas lembrou que a celebración dun acto destas características “foi un dos compromisos que adquirimos no Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade, que reactivamos a finais do ano pasado e que non se reunía desde o ano 2019”.
Teatro familiar
A segunda das actividades de “Compostela máis Solidaria” é unha obra de teatro de monicreques para público a partir de seis anos, coproducida pola compañía Xarope Tulú e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. A montaxe “A teteira de Kabul”, basease nun conto homónimo de Carolina Pujados, inspirado na vida da escritora afgá Nadia Ghulam.
“A teteira de Kabul” narra en primeira persoa, e dende unha perspectiva construtiva e alentadora, a vida de Mina, unha nena afgá que debe abandonar a súa casa por mor da guerra e iniciar unha migración forzosa. Para as persoas que asistan á representación, haberá un exemplar deste conto como agasallo.
Palestina, as defensoras de dereitos e as mulleres migrantes no sector dos coidados
A última das actividades programadas nesta edición de “Compostela máis Solidaria” é Escoitadoiro, un espazo para o encontro que terá lugar o venres 7 de xuño en horario de tarde no Museo do Pobo Galego.
Esta iniciativa ofreceralle á cidadanía a oportunidade de achegarse á realidade de Palestina, a través do coñecemento directo que dela teñen a compostelá e gazatí Sara Ashour e o traumatólogo compostelán Felipe Noya, cooperante de Médicos do Mundo.
Ambos estarán acompañados por representantes do movemento universitario SUGxPalestina, que está a ter dende hai semanas unha fonda implicación nsa reivindicacións dos dereitos da poboación civil de Gaza.
O Escoitadoiro servirá tamén para coñecer o labor das defensoras dos dereitos das mulleres en República Dominicana, a través de Syra Taveras, directora executiva da organización feminista Centro de Investigación para a Acción Feminina; e de Juana Ferrer, activista feminista ecoloxista coñecida pola súa loita para o recoñecemento das mulleres rurais e agricultoras, e que estará en Santiago participando no programa de acollemento temporal de defensoras de dereitos “Galicia Abriga”.
Tamén participarán mulleres traballadoras representantes de SINTRAHOCU, o Sindicato de Traballadoras do Fogar e dos Coidados, que abordarán a situación das traballadoras migrantes neste sector; e a investigadora Zinthia Álvarez Palomino. As conversas do Escoitadoiro irán acompañadas de propostas artísticas, e de petiscos de comercio xusto da ONGD Solidariedade Internacional.
Todas as actividades de Compostela máis Solidaria son gratuítas, pero por cuestións de capacidade dos espazos requiren inscrición previa na web galiciasolidaria.org.