Compostela, 3 de outubro do 2024 – O concello de Santiago de Compostela comezou a renovación das luminarias do Campus Sur da USC co obxectivo de garantir a seguridade.

O concello modifica un total de 438 puntos de luz no Campus Sur. Non se trata só de garantir a protección de persoas e bens, tamén suporá un aforro e unha mellora da eficiencia enerxética.
Os cambios melloran tamén a estrutura das luminarias. Instálanse novos puntos de luz con columnas que compren coas esixencias regulamentarias en materia de illamento, xa que as luminarias vellas carecían de redes de terra e non garantían a protección fronte a contactos directos e indirectos. O investimento total realizado no ámbito ascende a 413.308,78 euros.
Pese a todo trátase dunha instalación provisional. Os báculos definitivos deberán ser dun deseño e de materiais máis adecuados á contorna e ás directrices de preservación do patrimonio histórico. Esta actuación realízase para garantir a seguridade canto antes xa que a definitiva non se pode desenvolver na actualidade por razóns xurídicas e orzamentarias.