Compostela, 20 de xaneiro do 2025 – Hai uns días falabamos do labirinto no que se atopaba o Partido socialista en Santiago e da complicada resolución que tiña o asuntos vendo as posturas dos distintos actores.

O Partido socialista decidiu que o mellor xeito de saír do enredo era mostrarlle a Gonzalo Muíños, o actual voceiro, a saída do labirinto. O expediente rematou cunha suspensión de militancia, e habilitación para cargo público, por 18 meses e o consello interno de que dimitira.
Por si Muíños non tiña claro o que se lle pedía a executiva local do Partido decidiu tamén que, toda vez que estaba suspendido de militancia, o mellor era nomear outro voceiro no concello. Gumersindo Guinarte foi o elixido pero isto só abre outra brecha máis nun terreo xa moi cheo de fochancas.
O Grupo municipal socialista non cambiará de voceiro xa que a normativa do partido indica que a executiva local o nomeará pero será ratificado no grupo municipal. No concello o Partido Socialista ten 4 concelleiros (Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e o propio Gonzalo Muíños) a favor da continuidade e dous (Gumersindo Guinarte e Marta Abal) dispostos, presuntamente, ao relevo.
Por si as cousas non estiveran xa bastante liadas outros súmanse á festa. O ex alcalde Sánchez Bugallo, actual senador tras dicir que deixaba a política, e o alcalde de Ames, Blas García, apoian a Muíños. Unha postura que veremos se ten consecuencias a medio prazo, cando o Partido Socialista renove a secretaría de Gómez Besteiro que no terá opoñente para o cargo.
En medio da tormenta o goberno local formado polo BNG e Compostela Aberta non se cansa de lembrar o acordo de orzamentos, non vaia ser que con tanta loita alguén se esqueza de que hai que aprobalos.
Non parece que periguen porque o goberno municipal non precisa de todo o grupo socialista, só de catro concelleiros e iso parece garantido. O que tamén parece claro e que isto servirá para sacar adiante os orzamentos pero non para manter unha boa sintonía co partido, que goberna en Madrid, polo que Goretti San Martín e María Rozas terán que seguir facendo equilibrios, e o que se chama danos colaterais.