Compostela, 27 de marzo do 2023 – A Casa da Xuventude situada na Praza do Matadoiro de Compostela parece condenada a ser argumento electoral cada catro anos e seguindo a tradición volve á actualidade.

O goberno do popular Agustín Hernández foi o que máis cerca estivo de acabar co conflito xa que deixou contratado o derrubo da Casa da Xuventude. Compostela Aberta, con Martiño Noriega como alcalde, anulou ese acordo e o converteu nun centro autoxestionado. No 2019 o PP prometía de novo tirar o edificio se gobernaba pero non se dou o caso.
Agora volve á actualidade o edificio que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, ten previsto ceder á Deputación por 25 anos. Unha decisión que levantou críticas da oposición e promesas de anulación do acordo dependendo quen gañe.
Un proxecto enfocado ao metaverso
Tendo en conta a historia do edificio pode que un proxecto que o sitúa no metaverso, unha realidade alternativa, sexa o máis axeitado. Dentro da realidade si que está o investimento que, explican Deputación e concello, chegará aos 1,3 millóns de euros.
A idea e reformar todo o edificio de xeito que acolla tres espazos distintos. A plantas baixa a servizos da propia Deputación e un auditorio. Na primeira planta estará un coworking centrado no eido tecnolóxico, especialmente no metaverso. Finalmente na segunda planta acollerá servizos propios do Concello.
O proxecto contempla rehabilitación integral do inmoble. Prevese tamén a remodelación da praza do Matadoiro, abríndoa ao parque de Belvís en coherencia co novo acceso ao parque previsto no planeamento vixente.
A oposición oponse
O Partido Popular mantén a coherencia desde hai anos e advirte de que, no caso de chegar á alcaldía, anularan o acordo coa Deputación e derrubarán o edificio. Consideran que presentar este proxecto a 60 días das eleccións é “unha falta de respecto”.
Compostela Aberta defende o proxecto denominado “Matadoiro” que durante a súa etapa no goberno funcionou como centro de actividades veciñais autoxestionado. Critican que durante os últimos catro anos na Casa da Xuventude “no se fixo nada”. En canto ao acceso a Belvís apostan pola finca adxacente e pola apertura do parque prevista no proxecto do arquitecto Chipperfield.
O BNG pola súa parte e moi concreto “está en contra de destinar a Casa da Xuventude a usos administrativos da Deputación da Coruña”. Os nacionalistas son moi críticos ademais co proxecto e as formas de presentalo ““con total escurantismo sen contar coa veciñanza, co asociacionismo compostelán nin cos demais grupos políticos”. A aposta do Bloque está aínda por definir pero din que “O importante para o BNG é preservar a función da Casa da Xuventude para desenvolver actividades de colectivos sociais nun espazo céntrico en caso de que se opte por manter as instalacións”.