Compostela, 4 de xaneiro do 2024 – O concello de Santiago de Compostela duplica o investimento destinado a axuda no fogar na nova licitación que acaba de comezar.

Despois de que hai un mes a actual concesionaria de axuda no fogar recibira unha sanción de 20.000 euros, e tendo unha de 6.000 na anterior lexislatura, o novo goberno non quere que a cuestión económica afecte ao servizo.
As condicións da nova licitación foron presentadas en rolda de prensa pola primeira tenente de alcalde, María Rozas, que estivo acompaña por Teresa Furelos, xefa de Servizo da área de Acción Social, e por Eva María González, xefa de sección.
Rozas explicou que os obxectivos do novo contrato de axuda no fogar son “mellorar a atención ás persoas usuarias, protexer os dereitos das traballadoras, e reforzar a supervisión e control do servizo por parte do Concello”.
Axuda no Fogar sae a licitación cun orzamento base de 12,7 millóns de euros, por un prazo de dous anos prorrogable por un ano máis. Así, o presuposto anual do servizo será de 6,3 millóns de euros, fronte aos tres millóns de euros do contrato actualmente en vigor, o que supón unha suba de case o 73%. O inicio do procedemento xa está publicado na Plataforma de Contratación do Estado, e o prazo para a presentación de ofertas rematará o 5 de febreiro.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou tamén que “o SAF é un dos servizos máis sensibles dos que presta o Concello de Santiago, porque atende a persoas maiores ou en situación de dependencia, unha poboación vulnerable que require dos maiores niveis de esixencia e control por parte da administración municipal”.
María Rozas recoñeceu que na actualidade o servizo xera numerosas queixas “que se veñen de traducir na imposición da segunda sanción á empresa adxudicataria por incumprimentos graves no contrato, e que nos indican cales deben ser as melloras a introducir no novo contrato”. Para a tenenta de alcaldesa, “o obxectivo do Concello debe ser garantir a mellor atención ás persoas usuarias, sen esquecer a protección dos dereitos laborais das traballadoras do servizo”.
Maior control
O novo contrato busca un maior control por parte do concello. Na rolda de prensa as técnicas recoñecían que as empresas prefiren que os concellos teñan que preguntarlle a elas pola situación no canto de ter un control directo. A experiencia adquirida leva a que en Compostela o novo contrato vaia en sentido contrario.
O persoal técnico municipal participará, xunto co persoal da empresa adxudicataria, na visita domiciliaria previa á alta no servizo, para valorar a situación de cada persoal, axustar o proxecto de intervención e informar en detalle das características do SAF.
Tamén se incrementa a periodicidade das visitas de seguimento da empresa aos domicilios, e establécese a obriga de facer un seguimento telefónico quincenal do que se deberá dar conta no correspondente informe. Ao tempo, prevense reunións mensuais das técnicas municipais de Servizos Sociais tanto coa persoa que a empresa designe como coordinadora xeral do SAF como cos diferentes técnicos de coordinación, co fin de recoller información sobre o servizo prestado ás persoas usuarias vinculadas a cada un deles.
A entidade adxudicataria do SAF deberá utilizar un programa informático e facilitarlles terminais ao persoal de coordinación e de atención directa para informar diariamente e en tempo real de cuestións como altas e baixas no servizo, servizos non realizados, faltas de puntualidade, incidencias, ou servizos complementarios e axudas técnicas solicitadas polas persoas usuarias.
Os novos pregos tamén inclúen, de maneira máis específica, a obriga da empresa de poñer en marcha un Plan de Calidade do servizo e un protocolo de atención das queixas e suxestión que fixa un prazo de tres días para a posta en marcha das medidas precisas para a súa resolución. Ademais, incorpórase un documento que detalla a imposición de penalidades no caso de que se produzan infraccións por parte da empresa, co obxectivo de facilitar o seguimento e control da concesionaria.
Melloras directas para as persoas usuarias
O novo contrato incrementará as horas de servizo, que pasan dalgo máis de 163.000 horas anuais previstas nos anteriores pregos a case 260.000, e reduce os prazos previstos para algúns dos trámites vinculados ao SAF.
En canto aos servizos complementarios, increméntanse as horas dispoñibles nos servizos de fisioterapia, podoloxía e salón de peiteado. Tamén aumentan as horas destinadas a limpezas de choque, que se realizarán só cando os informes dos Servizos Sociais así o recomenden; e recóllese unha bolsa para a realización de pequenos arranxos ou reparacións nos domicilios.
Ademais, os pregos introducen unha referencia aos menores de idade en situación de desprotección ou grupos familiares con excesivas cargas que poidan ser usuarios do servizo. O obxectivo será posibilitar a súa permanencia coa familia, compensando as limitacións de autonomía e as carencias da integración familiar, mediante axudas profesionais de tipo domeéstico, persoal, apoio e reforzo didáctico, dando resposta, no seo da unidade familiar, ás necesidades físicas, emocionais, educativas ou sociais dos menores.
Novidades relacionadas co persoal
Os pregos do Servizo de Axuda no Fogar introducen tamén novidades no que ten que ver cos recursos humanos. Así, mudan as ratios de persoal de coordinación por número de persoas usuarias: establécese que se o servizo ten entre 200 e 299 persoas usuarias deberá haber 4 técnicos de coordinación, fronte aos 3 previstos na actualidade; e a ese número engadirase un técnico por cada 100 persoas usuarias máis, e non por cada 200 como acontece agora.
Os pregos establecen unha maior esixencia en canto á formación continua do persoal, ao que se lle requirirá anualmente, cando menos, a realización de tres cursos de 20 horas de duración. No caso de novas incorporacións deberán recibir 5 horas de formación sobre protocolos de actuación e, se é posible, realizar unha estadía de dous días con profesionais experimentadas na atención directa.
En relación ás novas contratacións, os pregos sinalan que “con anterioridade a contratación dun novo profesional, a entidade adxudicataria deberá presentar ante os servizos sociais municipais unha relación dos profesionais de atención directa, coas horas de contrato no momento da nova contratación, e a xustificación da non ampliación da xornada aos traballadores que estean a xornada parcial”.
Tamén co obxectivo de mellorar a estabilidade e as condicións das traballadoras, e de garantir a continuidade do persoal de atención directa ás usuarias, os pregos establecen que na valoración das ofertas concederáselle unha puntuación especial de 6 puntos a aquelas empresas que se comprometan a elevar cada ano as xornadas do persoal de atención directa nun 5% sobre as xornadas parciais.
Responsabilidade da Xunta
No encontro cos medios de comunicación tamén saíu a colación a Xunta de Galicia que é que ten a competencia directa do servizo. A Xunta delega dita competencia nos concellos e asigna un número de horas e un prezo por hora polo que os concellos poden pedir un número de horas que ao mellor non son concedidas.
No caso de que a Xunta non conceda todas as horas de servizo que Compostela precisa o concello pode atendelas polo procedemento de libre concorrencia, en ese caso a maioría do custo será municipal xa que na actualidade esas horas a Xunta as paga a 1 euro.
Será un tema que nos vindeiros anos estará constantemente sobre a mesa. Todos os concellos da bisbarra teñen problemas cos servizos de axuda no fogar, xa sexa polo custo, pola falta de recursos ou pola precarización dos empregos que xera. Cada vez hai máis maiores e moito vivindo sos polo que ignorar a situación non conducirá a nada.