Compostela renóvase e os contratos máis complexos van saíndo adiante. Ao final do pasado mandato foi o do lixo, hai un pouco máis dun ano e medio o do servizo de axuda no fogar e agora tócalle ao transporte urbano. Na pista de saída queda por agora o dos centros socioculturais.
A Xunta de Goberno aprobou o inicio de licitación para un contrato que terá unha duración de 13 anos e un orzamento base de máis de 128,5 millóns de euros. O transporte urbano sae a licitación como un contrato mixto de servizos e obras, e non como unha concesión como acontecera anteriormente.
Este cambio de modelo implica, entre outras cousas, un maior control pero tamén axilidade na adxudicación xa que os pregos non tiveron que pasar pola Oficina Nacional de Evaluación, ONE, onde podería estar varado por meses.

Os informes técnicos indican que este modelo é axeitado ao “non existir risco operacional para o contratista, que ten garantida unha retribución mínima para a cobertura de custos e a recuperación de investimentos a través da achega municipal prevista para poder manter unhas tarifas accesibles”.
O contrato do transporte urbano será mixto de servizos e obras porque a empresa adxudicataria tamén terá que encargarse da redacción do proxecto e a execución da obra necesaria para a instalación, posta en funcionamento e mantemento dunha infraestrutura de recarga para os autobuses eléctricos e dunha instalación de sistema de subministración de gas natural comprimido para os vehículos que utilicen este combustible.
Un servizo mellorado
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, deron os detalles do procedemento nunha rolda de prensa na que reiteraron que o novo contrato suporá enormes melloras no servizo.
Unha mellor cobertura xeográfica das novas liñas, e os seus horarios e frecuencias; xunto á renovación da flota de autobuses, atendendo a requisitos en materia de sustentabilidade, e unha nova APP buscarán que a veciñanza gañe en confianza no servizo.
Tanto a alcaldesa como o concelleiro de Mobilidade reiteraron que esta licitación era unha prioridade para o Goberno e agradeceron o esforzo do persoal técnico municipal para desbloquear un procedemento enormemente complexo.
Salientaron o esforzo orzamentario que fará o Concello para que as melloras no servizo non repercutan directamente nas tarifas do autobús, “nunha clara aposta por fomentar unha mobilidade máis sostible, na que prioricemos a utilización dos modos brandos de transporte”.
Goretti Sanmartín e Xan Duro mostráronse confiados en que, despois de moitos anos sen contrato, “esta licitación permita que os veciños e veciñas de Santiago conten co servizo de transporte urbano que precisan e merecen”.

Cambios substanciais
O novo contrato de transporte urbano mantén un deseño de liñas que simplifica o mapa actual evitando solapamentos e ampliando a cobertura territorial. As principais novidades son a denominada liña “Transantiago”, que irá desde o límite de Santiago co Milladoiro ata o límite de Santiago con Sigüeiro cunha frecuencia de 30 minutos.
As liñas alimentadoras do rural serán un total de tres: a primeira cubrirá os lugares de Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Gracia e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo.
As persoas usuarias destas liñas terán dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes desde as parroquias ata o centro urbano.
Mantense tamén a liña lanzadeira ao aeroporto, con frecuencias de 30 minutos desde as 7 da mañá ata as 00.30 horas; e refórzase o servizo aos polígonos industriais, ampliando os horarios destas liñas desde as 7 da mañá ata as 11 da noite.
Tamén se introduce o bus nocturno de mércores a sábado, con servizos desde as 23.00 ata as 5.00 nas dúas liñas circulares que cobren o traxecto de Fontiñas, Hospitais, Campus Sur, Vite e Campus Norte,
Renovación da flota
O prego técnico da nova licitación establece que a empresa adxudicataria deberá subministrar un total de 67 autobuses para prestar o servizo, fronte aos 43 autobuses actuais.
Dos novos autobuses 18 serán eléctricos e o resto con motor de gas natural comprimido. Serán vehículos de entre 12 e 15 metros, en función das necesidades específicas de cada liña, con dúas excepcións: haberá tres autobuses eléctricos de entre 8 e 10 metros para a liña C3 (Concheiros-San Pedro-Almáciga-Galeras-Quiroga Palacios) e cinco vehículos a gas de entre 10 e 11 metros, para a liña 7 (Valle Inclán-Sar-Aríns, con prolongacións a Angrois e Fornás) e para as liñas alimentadoras do rural. Os autobuses serán de piso baixo, para garantir a accesibilidade, e no caso dos vehículos destinados á liña do aeroporto deberán estar provistos de portabultos.
A empresa adxudicataria terá un prazo de 12 meses para subministrar os vehículos definitivos xa que se entende que as empresas non dispoñen dun número tan elevado de autobuses nin coas características concretas requiridas no prego.
Nese tempo operará con autobuses provisionais que non serán os que funcionan na actualidade. Na licitación valoraranse tamén as características e antigüidade desta flota que se oferte como provisional, co obxectivo de que as melloras no servizo cheguen desde a entrada en vigor do novo contrato.
Control do servizo e información ás usuarias
O redeseño das liñas e a modernización da flota virá acompañada da renovación do Sistema de Apoio á Explotación, que tamén suporá unha notable mellora do servizo para as persoas usuarias.
O novo sistema deberá almacenar e xestionar de forma ordenada, xeolocalizada e en tempo real todas as informacións relativas ao servizo: liñas, itinerarios, lonxitudes de percorrido, expedicións, frecuencias, horarios, tempos, puntos de parada, avarias, atascos… Estes datos traduciranse nun maior control do transporte por parte da empresa e do propio Concello, pero ademais permitirá que as persoas usuarias reciban información máis fiable sobre o servizo.
Esa información será subministrada tanto a través dunha nova web que deberá reflectir permanentemente e de forma automática información dinámica e actualizada do servizo, e dunha nova APP que ofrecerá información interactiva das liñas, coas súas frecuencias e horas de paso por cada parada, dar conta da previsión da ocupación da viaxe seleccionada, ou informar da xeolocalización de cada autobús en tempo real. Tal e como se recolle no prego, a información deberá ser actualizada cada 5 segundos.
Tarifas
Un dos obxectivos do Goberno na nova licitación é manter unhas tarifas accesibles no transporte urbano, dentro dunha clara aposta polo transporte público como servizo municipal fundamental e como piar dunha mobilidade máis sostible.
Para evitar o encarecemento dos billetes, tendo en conta as numerosas melloras que se prevén na nova licitación, o Concello fará unha achega anual ao servizo que superará os 8 millóns de euros.
Desta maneira, e segundo se recolle nos pregos da licitación, o prezo estimado do billete ordinario será de 1,40 euros; e o do billete escolar queda en 0,56. Co bono ordinario, a modalidade máis utilizada, o prezo da viaxe será de 0,63 euros, só 3 céntimos máis que na actualidade.
O bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas durante 30 días, quedaría en 35 euros. En canto ao bono pensionista, mantense a previsión da licitación aprobada no pasado mandato, de maneira que haberá 100 viaxes gratuítas ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será de 0,50 euros.
Por último, a tarifa específica para a liña de bus ao aeroporto, neste caso non bonificada, será de 6 euros para o billete de ida e de 10 euros para o billete de ida e volta.
Relacionado cos billetes, a empresa contratista deberá garantir diferentes medios de pago, ademais do pago en metálico: cartóns intelixentes que poderán ser nominais e recargables ou anónimas de prepago; cartóns de transporte metropolitano compatibles cos sistemas homologados pola Xunta; e dispositivos electrónicos que permitan o pago co móbil ou con tarxeta.
Por razón da súa contía, o procedemento de licitación terá que ser remitido ao Diario Oficial da Unión Europea ante da súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público. Os licitadores disporán dun prazo de 40 días naturais para presentar as súas propostas, que se contarán dende o envío do anuncio ao DOUE.
