Compostela, 30 de novembro do 2023 – Nova reunión entre concello de Santiago e asociacións de hostalería da que sae un acordo que limitará as inspeccións ao relativo ás medidas contra incendios e a accesibilidade.
Das declaracións realizadas aos medios de comunicación á saída da reunión tírase a conclusión de que a ambigüidade da instrución emitida polo concello en outubro dou pe a que os técnicos municipais realizaran inspeccións na hostalería que ían máis alá do relativo aos incendios ou a accesibilidade.
A instrución só recollía, como se explicou anteriormente, as normas vixentes desde o 2014 polo que o técnico podía, se non se lle concretaba, comprobar todo tipo de cuestións nos locais. As asociacións denunciaron entón que se estaba a facer “un uso restritivo da norma”. Lois López explicaba que iso non fora o que se lles trasladara nun primeiro momento e que agora quedara xa aclarada a cuestión.
Pola súa banda a alcaldesa, Goretti Sanmartín, dicía que se concretaría o modelo de inspección para que se restrinxira ás cuestións relativas ás medidas contra incendios e accesibilidade.
Fala baixiño
Por outra banda a reunión serviu para que as asociacións se sumaran á campaña municipal “Fala Baixiño”. Trátase dunha campaña xa realizada en outras ocasións e que convida aos usuarios da hostalería a procurar non molestar á veciñanza cando se atopen na rúa.
Os principais problemas de ruídos nocturnos na cidade, unha vez que os locais compren a normativa sobre insonorización, danse cando os usuarios saen a rúa. Unha queixa que non hai moito manifestaba a Asociación de Veciños Fonseca do casco antigo. A campaña ten como obxectivo concienciar á cidadanía para que “falen baixiño” cando se atopan na rúa na madrugada.