Declarados en ruínas no ano 2010 pasaron ao rexistro de soares e agora venderanse en puxa pública coa condición de ser rehabilitados
Compostela entra no tramo final dun proceso administrativo que se realiza por primeira vez en Galicia. A venda forzosa, cambio de propietario, está contemplado en inmobles declarados en ruína, e con protección patrimonial, e nos que os propietarios non quixeron ou non puideron rehabilitar e manter en condicións.

A venda forzosa en puxa pública foi aprobada na Xunta de Goberno Local de este luns. Son catro inmobles da cidade histórica inscritos no Rexistro de Soares, declarados en ruína no ano 2010 e situados na Praciña das Penas, a Rúa de San Roque, Rúa dos Loureiros e Rúa do Espírito Santo.
O procedemento ten o obxectivo da rehabilitación e reutilización do patrimonio abandonado. Os propietarios presentaron recurso ante a xustiza, que lle dou a razón ao concello, e posteriormente alegaron ante o propio concello que tamén desestimou a reclamación.
De non quedar declarado deserto o concurso, os propietarios recibirán o importe co que saen á puxa. De ser adxudicados por un importe maior a diferenza será para o concello. Os gañadores da puxa teñen uns prazos moi concretos para aboar o importe, presentar o proxecto de rehabilitación e iniciar e concluír a obra. De non cumprir os inmobles volverían ao rexistro de soares.




Un procedemento nunca realizado
A secuencia administrativa, inedita en Galicia aínda que contemplada na lei, comezou en en febreiro do ano pasado ao declararse incumprido o deber de conservación e rehabilitación dos catro edificios abandonados da cidade histórica e que teñen declaración de ruína dende 2010. En abril foron incluídos no Rexistro de soares.
Posteriormente, en decembro de 2024, incoouse o procedemento para a tramitación da venda forzosa mediante poxa pública destas catro propiedades, anuncio que foi publicado no BOE do pasado 27 de xaneiro. Unha comunidade de herdeiros, titular de tres dos catro inmobles, solicitou a suspensión deste procedemento, petición que foi desestimada pola Xunta de Goberno local.
Poxa publica
Todas as persoas interesadas e que cumplan os requisitos poderán concorrer á licitación que será publicada nos vindeiros días no BOP da Coruña e no perfil do contratante do Concello de Santiago.
A venda forzosa realizarase mediante poxa pública, a través dun procedemento aberto e tramitación ordinaria por lotes, un por cada predio: o lote 1, correspondente ao inmoble da Praciña das Penas 5, cunha valoración de 145.237,61 euros; o lote 2, na Rúa dos Loureiros 14, por 101.746,31 euros; o lote 3, correspondente á propiedade sita na rúa de San Roque 23, cunha valoración de 103.699,83 euros e o lote 4, na rúa do Espírito Santo 33, por un importe inicial de 69.639,18 euros.
Condicións de participación
As ofertas presentaranse exclusivamente por medios electrónicos na Plataforma de contratación do Sector Público durante un prazo de vinte días naturais desde o día seguinte á data de publicación do anuncio nesta plataforma. Unha vez rematado o prazo, o Concello encargarase de seleccionar e adxudicar a oferta económica máis vantaxosa.
A persoa licitadora poderá concorrer a varios lotes, presentando unha oferta en cada un deles indicando a orde preferencia, xa que só poderá adxudicarse un lote por adxudicatario.
En relación aos prazos, a persoa adxudicataria terá que aboar o importe total de adxudicación e os gastos de tramitación no prazo máximo de un mes dende a notificación da adxudicación polo Concello e solicitar a licenza de rehabilitación no prazo máximo de tres meses dende a formalización. As obras de rehabilitación deberán iniciarse no prazo de un ano dende a toma de posesión do predio, e terán que ser rematada e obter a licenza de primeira ocupación no prazo máximo de dous anos dende a formalización.
Se a poxa fose declarada deserta, o Concello, no prazo de seis meses, poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo ou convocará de novo, no mesmo prazo, con rebaixa do prezo tipo nun 25%. Se a segunda poxa tamén quedase deserta, o Concello, no prazo doutros seis meses, poderá adquirilo polo prezo de licitación da segunda poxa.