Compostela, 22 de marzo do 2024 – Un longo camiño que comezou no mandato de Martiño Noriega afronta a recta final co comezo das obras da nova depuradora de Compostela.
A sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (ACUAES), do Ministerio para a Transición e o Reto Demográfico, investirá 60 millóns de euros na nova infraestrutura de Compostela.
O 8 de febreiro procedeuse ao levantamento de actas de expropiación. O 14 tivo lugar a firma da acta de comprobación do reformulo e desde entón desenvolvéronse os traballos de comprobacións topográficas e xestión de autorizacións, e preparouse a zona do campamento de obra.
Tamén comezaron os traballos de movemento de terras e explanación da parcela exterior á depuradora actual e os baleirados do pretratamento e decantación primaria.
O prazo do contrato é de 27,5 meses de construción de maneira que, a mediados do ano 2026, a depuradora de Compostela deberá estar en funcionamento a pleno rendemento.
Por outra banda, o Consello de Administración de ACUAES, autorizou a firma dunha addenda ao convenio subscrito o 5 de febreiro de 2021 coa entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela para a execución, financiamento e explotación da nova depuradora de Silvouta.
A addenda eleva até nun 80% a porcentaxe de financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea, fronte ao 65% que prevía o convenio subscrito en 2021, reducindo por tanto as necesidades de achega do Concello. Mantense a achega da Xunta de Galicia de 10,8 millóns de euros, aínda que se axusta o seu calendario de achegas en virtude da nova previsión de execución e finalización das obras.
As obras, contratadas e dirixidas por ACUAES, permitirán solucionar os problemas de capacidade e obsolescencia técnica que presenta a actual depuradora e eliminar as verteduras contaminantes ao río Sar. Unha vez finalizadas, o Concello de Santiago de Compostela realizará a súa explotación.
A actuación inclúe a construción dunha nova depuradora, que tratará un caudal medio de 52.000 m3/día, así como a conexión á rede de colectores existentes e a execución dunha nova acometida eléctrica compatible coas necesidades enerxéticas da nova instalación e dotada dunha subministración eléctrica de respaldo.
O proxecto desta liña eléctrica atópase na súa fase final de trámite de supervisión por parte de ACUAES, estimando a súa aprobación durante o mes de abril. Inmediatamente despois, licitaranse as obras.
A nova instalación contará cun tratamento primario e de auga de tormentas mediante decantación lamelar e un tratamento biolóxico por lodos activos, con membranas de ultrafiltración, que obtén unha vertedura con calidade superior á esixida para zona sensible. Para o tratamento dos lodos inclúese dixestión anaerobia con hidrólisis térmica, que permitirá a xeración de enerxía para autoconsumo e o emprego na agricultura dos lodos deshidratados.
Destaca o sistema de desodorización de última xeración que permitirá unha operación compatible cos usos que se desenvolven na súa contorna.