Compostela, 20 de xullo do 2023 – O acto civil proposta polo goberno municipal de Santiago para o 25 de xullo, Alba de Compostela, pasou a ocupar o centro da polémica desprazando a non asistencia da alcaldesa á ofrenda ao Apóstolo.

Alba de Compostela é un acto de recoñecemento a persoeiros e entidades da cidade que se atopa fora do Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello. O lóxico é pensar que se non está dentro de ese regulamento non se lle aplique a norma.
Que di o informe do secretario
Tras un primeiro informe pedido pola oposición e que só atinxía ao Regulamento de Honras, o equipo de goberno solicitou un no que se aclare a naturaleza dos actos de recoñecemento que non están incluídos no reulamento oficial.
Este segundo informe informe é bastante revelador. Tras unha ampla resposta ás preguntas realizadas chega a dúas conclusións:
A primeira que “A Alcaldía é o órgano competente para convocar os actos públicos oficiais organizados polo Concello. A súa organización rexerase polas normas de protocolo do Concello ou, na súa ausencia, polas regras, criterios e usos de aplicación no protocolo local. Cando se trate de actos que teñan por obxecto a concesión ou imposición de títulos e honras aplicarase tamén o previsto no RTHC”.
Na segunda engade que “A Alcaldía e, no seu caso o goberno municipal, poden organizar actos oficiais distintos dos previstos no RTHC, como é o caso do denominado Alba de Compostela”.
No caso dos actos incluído no Regulamento non hai dúbida de que hai que seguir un procedemento que pasará pola aprobación en pleno por maioría absoluta. E no resto?.
O informe ten un parágrafo que despexa calquera dúbida “Definido o concepto de títulos, honras e distincións, podemos diferencialo dos actos protocolarios ou dos actos públicos oficiais, que serían os programados por persoas ou institucións que integran o sector público”.
O informe do secretario vai máis alá xa que pon exemplos da súa argumentación “Non impide esta distinción, ao meu xuízo, o feito de que os actos públicos oficiais poidan implicar algún tipo de recoñecemento (que, en todo caso, non terá a consideración de título, honra ou distinción) como pode ser un acto de recepción pola Corporación ou o titular da Alcaldía ou a entrega dun galano institucional ou de cortesía. Neste senso pode resultar ilustrativo o exemplo, común na actividade municipal, de recepción pública pola Corporación a un equipo deportivo que vén de acadar un determinado logro e que, usualmente, leva aparellado un intercambio de agasallos”.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, apelaba onte a esta distinción e lembraba que cando se falou da intención de organizar un acto de recoñecemento “xa dixemos que nos gustaría que para vindeiras edicións se incluirá no regulamento de honras”.
O Partido Popular fala de ilegalidade
O voceiro do Partido Popular, Borja Verea, quédase co primeiro informe e ignora o segundo para falar dun acto “ilegal” pese ao segundo informe. Engade que “facer calquera gasto de fondos ou recursos públicos para facer un acto ilegal, sería un desvío de caudais públicos que non pode facer ningún cargo nin ningún funcionario”.
Lendo o segundo informe polo miúdo parece unha declaración fora de lugar. Veremos se Psoe e PP acaban asistindo a Alba de Compostela, pero non parece un bo xeito de comezar un mandato afondar nunha polémica que dentro dun mes ninguén lembrará.