A proposta partiu da concellaría de urbanismo e busca que saían ao mercado unha parte das 6000 vivendas baleiras da cidade que existen segundo as primeiras estimacións.

Santiago de Compostela levará ao seguinte pleno ordinario unha serie de modificacións de taxas que por unha parte son obrigadas por lei e por outra tenta sacar o mercado vivenda baleira. O concelleiro de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Manuel César Vila, presentou estas modificacións en rolda de prensa.
Unha das ordenanzas a modificar e a do lixo. Tramítase nun expediente que busca adaptar o imposto ao contexto normativo e incorpora cambios no sistema de cobro. Esta nova ordenanza adáptase ao contido da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Manuel César incidiu en que a taxa non está actualizada conforme ao custo do servizo, que se calcula no estudo nuns 8,9 millóns de euros. Ao respecto, remarcou que dous terzos da suba débese ao “taxazo de Sogama”.
Hai dúas novidades importantes con respecto desta taxa: pasará a cobrarse nun único recibo (salvo que a persoa contribuínte pida aprazalo en tres, cinco ou nove cotas) e tomarase como referencia o valor catastral das vivendas fronte aos consumos da auga. Ademais, establécense exencións para as vivendas que se sitúen a máis de 200 metros dun contedor (no rural) ou para solos sen edificar, así como persoas con ingresos por debaixo do Iprem ou persoas beneficiarias de rendas sociais.
A cota mínima non varía con respecto á anterior e será de 6,17 euros ao mes. Ata 33.841,91 euros de valor castastral da vivenda, só se pagará a cuota mínima e, para o resto, establécense ata cinco tramos de forma que como máximo haberá que sumarlle 3,2 euros no tramo máis alto (a partir de 102.376,66 euros). A cota fixa non doméstica increméntase un 24,31%.
IBI e ICIO
O segundo expediente municipal unifica as regras de cobro (homoxeniza os prazos, por exemplo) e modifica varias ordenanzas coma a do IBI, de xeito que se propón aumentar este imposto no caso dos inmobles con uso residencial que están baleiros para mobilizar o parque de vivendas existente, ao tempo que establece mellores bonificacións para vivendas con placas solares e no pago do ICIO para vivendas de interese público.
O concelleiro responsable da facenda local deu conta destas propostas que agora terán que ser sometidas ao procedemento habitual. Deste xeito, tras pasar por comisión informativa, someterase ao Pleno da Corporación Municipal e abrirase un período de exposición pública de 30 días. No caso de haber alegacións, o informe final deberá volver ao Pleno para someter a ordenanza á súa votación final. No que ten que ver co expediente que modifica varias ordenanzas, Manuel César explicou que o obxectivo estratéxico é “planificar e redactar ordenanzas claras e sinxelas enfocadas cara á xestión”.
Unifícanse as datas límite de presentación de solicitudes de beneficio fiscal: que pasa a ser o 1 de xaneiro nos tributos periódicos (como o imposto de bens inmobles ou o imposto de vehículos) e mantense en calquera momento nos non periódicos (como unha taxa para unha licenza ou o pago dunha pasaxe de vehículos).
Manuel Cesar apelou á comunicación deste prazo e comprometeu tamén un esforzo comunicativo para dar a coñecer este cambio. Tamén se elimina a porcentaxe mínima nos fraccionamentos da débeda e fíxanse en tres, cinco ou nove cotas durante o ano, que –insistiu– deberá solicitarse no prazo máximo de antes do 1 de xaneiro.
O segundo expediente ten que ver con distintos impostos, mais recalcou que “non hai suba de impostos”, senón unha adaptación. Así, explicou que no IBI se establece un cambio importante para gravar as vivendas baleiras, cun recargo dun entre 50% e 150% para os inmobles residenciais desocupados. Este gravame do IBI, formulado por proposta da Concellaría de Urbanismo e Vivenda, ten relación co propio plan de medidas correctoras que impulsa este goberno xunto coa solicitude de declaración de zona de mercado residencial tensionado.
Tamén se establece unha bonificación do 50% para o ICIO das vivendas protexidas ou de promoción autonómica e descontos para o imposto de vehículos de cero emisións (do 50%) e eco (do 25%), tal e como establece a normativa estatal.
Neste segundo expediente tamén hai outra importante novidade, como é a bonificación para as vivendas que teñen instaladas placas solares, ao rebaixar o limiar para contar con este desconto: de 5 kw/100 m2 a 2 Kw/100m2.
