Compostela, 5 de xuño do 2023 – A Asociación Hostalería Compostela ven de emitir un comunicado no que recolle as queixas dos seus asociados sobre “o deficiente servizo de taxis que hai na cidade”.
A escaseza de taxis, explican, é unha cuestión que “desde fai máis de dous anos está a causar numerosos prexuízos aos profesionais do sector, que se mostran moi preocupados por esta situación que se prolonga no tempo e sobre a que urxe unha solución”.
É un problema recorrente e complexo de resolver. Compostela ten máis licencias de taxis que as que lle corresponderían polo seu tamaño pero seguen escaseando nas paradas.
Das 147 licencias menos da metade fan quendas, e dicir que a licencia aproveitase máis horas con máis dun condutor. O certo é que o dono da licencia non está obrigado a facelo e polo tanto é difícil que veña por aí a solución.
Thor Rodríguez, presidente da Asociación de Hostalería, di que a falta de taxis repercute negativamente nos negocios “xa que os clientes, ante a imposibilidade de conseguir taxis, están a anular reservas”, algo que sucede especialmente nos establecementos situados nos barrios periféricos, pero tamén en moitos do centro e Casco Histórico.
As protestas dos clientes veñen tanto dos turistas como dos propios veciños, sinalan os hostaleiros consultados, a cuxas queixas tamén se suman os directores de hoteis, que ven incapaces de conseguir servizo de taxi en moitos momentos do día, e que recoñecen que nalgún caso “mesmo xa se está pensando nun servizo propio para poder solucionalo”.
Apuntan tamén que o problema da falta de taxis non se dá só coa coincidencia dalgún congreso ou algún evento, “que aí xa é unha tolemia, e de feito os congresistas son os hóspedes que máis protestan por isto e que máis o sofren”, explican, senón que ocorre todos os días e a todas as horas e os sofren tamén os veciños.
Desde o colectivo lembraron que a situación vén de lonxe. “Levamos dous anos denunciando esta situación e lonxe de solucionarse, parece que se agrava”, afirma Thor Rodríguez, que espera que este asunto sexa un dos primeiros que se aborde o novo Goberno local que tome posesión, xa que “urxe buscarlle unha solución”.