Compostela, 2 de abril do 2024 – O vindeiro 11 de abril, as sete da tarde, o Teatro Principal acollerá o acto de entrega das principais honras e condecoracións de Santiago de Compostela.
Trátanse dos títulos de fillos predilectos e adoptivos e as medallas de ouro da cidade. Compostela outorgará estes recoñecementos a sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais destacaron pola defensa da cidade en distintos ámbitos.
Na presentación da homenaxe a alcaldesa, Goreti Sanmartín, destacou a figura do doutor Ramón Baltar. O nomeamento como fillo predilecto a título póstumo fora aprobado por unanimidade no pleno do dez de maio pasado aínda que non tivera lugar o acto oficial.
Sanmartín sinalou del a súa figura como “Médico e director hospitalario da nosa cidade, a declaración destaca tanto a súa altura técnica e científica como cirurxián, que atraía pacientes desde distintos lugares do estado” e “a súa insistencia na defensa do carácter humanitario da Medicina”.
A declaración refírese a Ramón Baltar como “un exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura” e recoñece o seu labor como “protector de artistas” e a súa participación en “proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro”. Tamén foi historiador da Escola Médica santiaguesa e publicou varios ensaios sobre a historia dos hospitais da cidade e traballos científicos de cirurxía.
Fillos/as predilectos/as e adoptivos/as
A pintora Aurora Pereira Carballo, Aurichu, recibirá o título de Filla predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico de Compostela.
Esta honra tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, por unha prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor dun cineclub, productor audiovisual e editor.
Serán nomeados Fillos adoptivos da cidade o sacerdote José Porto Buceta, polo seu “labor encomiable” durante máis de 50 anos como párroco no barrio de Sar “dedicado ás súas veciñas e veciños e, sobre todo, ás mozas e mozos de Sar” e o profesor Manuel Quintáns Suárez a título póstumo, pola súa “laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular”.
Medallas de Ouro
O Pleno do 29 de febreiro de 2024 deu o visto e prace á proposta presentada polo Consello Asesor de Condecoracións para distinguir, por unanimidade, o outorgamento das Medallas de Ouro da cidade a Tareixa Navaza González e a Luís Pasín Liñares.
Recoñecerase coa Medalla de Ouro de Santiago á xornalista Tareixa Navaza por ser “a voz dunha vida que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país” e “comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas” e a Luís Pasín Liñares polo seu labor como “voz veciñal e militante entusiasta da democracia” que o converteu en “memoria do seu barrio de Conxo e memoria activa da cidade de Santiago.
Goretti Sanmartín salientou que será un día de festa e recoñecemento “ben merecido” pois todas as persoas homenaxeadas “deron todo de si para facer unha cidade máis próspera, máis viva, máis crítica e máis feliz”.