Compostela, 25 de xaneiro do 2020 – A Alameda de Santiago acolle ata o 6 de febreiro a exposición Decostruír o franquismo, unha reflexión sobre a simboloxía franquista e os lugares de morte e enterramento en Galicia durante a Guerra Civil.
Histagra , grupo de investigación da USC, e o Observatorio Europeo de Memorias da Fundación Solidaridad da Universidade de Barcelona, nos propoñen unha mirada á ditadura a través da simboloxía do franquismo.
Os comisarios da exposición e profesores da USC na Facultade de Xeografía e Historia, Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho, salientan que esta iniciativa “inclúe preproducións fotográficas de espazos e simboloxía franquista que perduran ou que foron esquecidos pola cidadanía de Santiago de Compostela e unha cartografía interactiva que trae ao espazo público os lugares de morte e enterramento en Galicia durante a guerra civil”.
A mostra preséntase en cinco etapas, dende a ‘Persistencia’ do franquismo ás ‘Ausencias’ de memoria. O traxecto descóbrenos as ‘Veladuras’ do franquismo retirado pero recuperable, as ‘Amnesias’ que debuxan unha auténtica cartografía do terror e as ‘Expropiacións’ de significado de lugares e símbolos. A exposición permanecerá no Paseo da Alameda ata o vindeiro 6 de febreiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, de luns a venres. Sábados e domingos o horario estenderase de 12.00 a 14.00 horas.
Asemade, a sociedade cooperativa Rexenerando, impulsa un roteiro para o vindeiro 1 de febreiro, ás 11.00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. Pode obterse máis información sobre o mesmo no enderezo electrónico info@rexenerando.com