Compostela, 27 de setembro do 2024 – O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 29ª edición entre o 12 e 20 de outubro cun ollo posto en Portugal.
Galicreques pon no centro de esta edición o cincuentenario da Revolución do 25 de abril en Portugal. Seis artistas e compañías procedentes do outro lado do Miño ofrecerán as súas novas montaxes no festival.
O festival Galicreques está organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), de Iberescena e da Fundación SGAE.
Anticipando o programa
O domingo 13, na xa tradicional Carpa da Alameda que instala cada ano Galicreques, concentrarase a programación das compañías portuguesas. Deste xeito, Nuno Pinto representará ás 12.00 horas a súa montaxe Novas Histórias de Dom Roberto.
A partir desa hora sucederanse as actuacións de Luis Manhita, que representará Joaquim, uma história de a(mar); Fío d’Azeite, que levara a escena a súa obra O segredo do Río, e Marionetas Rui Sousa, que estreará a súa nova produción: As marionetas também tem coração.
Ese mesmo domingo ás 20.00 horas, dentro da programación CARA BÉ destinada ao público adulto, conmemorarase o 50º aniversario da Revolución do 25 de abril coa obra Portugalidades.
Neste espectáculo intervirán Nuno Correia, Rui Sousa e Luis Manhita e nel procúrase representar Portugal con diferentes estilos artísticos. Trátase dun desfile de cancións e expresións, con alegorías ao fado e á música portuguesa popular, sen deixar de lado a poesía e o teatro de marionetas.
Dende Arxentina ou Colombia
O cartel internacional de Galicreques contará cun total de oito países diferentes. Ademais do xa amentado Portugal, terán presenza no festival Colombia, Arxentina, Francia, El Salvador, Alemaña e España.
Dende Colombia chegarán compañías como La Pepa del Mamoncillo, dende el Salvador virá Ocelot Teatro, dende Arxentina contarase coa participación de Tres Tigres ou Gabriela González López e dende Ecuador, as compañías Titiritainas e La Espada de Madera. Dende Francia, contarase coa compañía Signe Diesel.
Galicreques acollerá a estrea do espectáculo Lémbrame.Spominaj na mnje, unha coprodución do Centro Dramático Galego xunto á compañía galega Títeres Alakrán e a alemá Bautzen Theater. A obra, creada ao abeiro do proxecto Phōnē, é unha homenaxe á memoria, á tradición e á raíz. Nela poranse en valor dúas linguas: o galego e mais o sorobio. A obra poderase ver o día 15 de outubro no Salón Teatro.
Finalmente, dende España chegarán, entre outros, grupos como La Estrella (Valencia), Títeres Larderos (Cuenca) ou La Sal Teatro (Andalucía).