Compostela, 13 de outubro do 2022 – Xornada intensa no Galicreques que acollerá un debate, un obradoiro para adultos e seis espectáculos ao longo de todo o día.
A actividade comezara ás 12.oo h coa compañía uruguaia Coriolis. A formación actuará na Fundación SGAE con Trapos, montaxe que reflicte con monicreques de mesa a relación de tres velliños que sentan no banco dunha praza e que comezan a vivir diferentes conflitos ao longo dunha mesa tarde.

Na carpa da Alameda, ás 13.00 h., celebrarase a mesa redonda O Teatro de monicreques, a debate. Neste encontro abordarase o futuro deste xénero, así como a situación actual e as complicacións ás que se enfrontan.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 h, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá o taller para adultos, Do movemento ao monicreque. Trátase dun obradoiro formativo que imparten dúas integrantes da compañía Nauta: Raquel Garabal e Pilar Pingarrón. Para participar, cómpre a inscrición previa.
Os centros socioculturais da cidade volverán recibir a Galicreques na tarde de mañá, xoves. Así, o Centro Socio Cultural da Trisca contará ás 18.30 horas cos arxentinos de El Telón, que representarán De marineros y piratas. Á mesma hora, no Centro Sociocultural do Ensanche, a compañía Tres Tigres representarán a súa montaxe Los sueños de Trucas.

A carpa da Alameda ofrecerá dúas funcións pola tarde. A primeira delas será ás 18.30 h. e correrá a cargo de Luis Vallecillo, quen mesturará narración oral e música na súa obra A linguaxe perdida. Ás 21.30 horas, e dentro da programación para adultos Cara BÉ, a Carpa da Alameda recibirá a compañía italiana Kharabat, que representará o seu espectáculo homónimo.
A compañía uruguaia de Coriolis completará a programación deste xoves intenso ao representar -—tamén dentro dos marcos da sección do Cara Bé—, a súa obra pensada para o público adulto Pasos Largos. Cómpre lembrar que esta peza é unha das cinco inéditas en Europa que chegan da man do Galicreques 2022.
O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura, Iberescena ou a Fundación SGAE, celebrará a súa 27ª edición até o 16 de outubro.