Compostela, 8 de outubro do 2024 – O Festival Internacional de Títeres Galicreques concédelle o seu premio de honra desta 29ª edición a Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, figura imprescindible da escena galega en xeral e do teatro de monicreques en particular.

Con este Premio Galicreques 2024, reivindíca a traxectoria, o esforzo e o talento dun dos grandes nomes das artes escénicas galegas. Sen o traballo de “Tatán” como actor e como titiriteiro, o teatro non sería o que é hoxe en día.
“Tatán” forma parta da xeración de pioneiros que abriu camiños para a dignificación da escena dos monicreques. O seu labor en Tanxarina, unha das compañías máis importantes do país, é exemplo para todas as xeracións, para calquera artista e para o futuro deste oficio das marionetas.
Galicreques está organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), de Iberescena e da Fundación SGAE. Institucións que queren, con este premio, agradecer a “Tatán” a súa enorme, brillante e imprescindible contribución ao teatro.
O galardón será entregado o domingo 20 de outubro no Teatro Principal de Santiago, antes da función de clausura deste 29º edición do Festival Galicreques. Nela poderase ver o espectáculo Kazu, da compañía franco-arxentina Signe Diesel.
Tedes toda a programación de Galicreques na súa web
“Tatán”
Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” (Redondela, 1954) é actor de teatro, cine e televisión, ademais de músico. A súa traxectoria está vencellada, especialmente, á escena de monicreques grazas ao seu traballo en Tanxarina, unha das grandes compañías do teatro galego da que foi un dos seus fundadores.
Esta formación, referencial no sector escénico, naceu en 1983 da man de varios alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas del Institut Teatre de Barcelona. Actualmente, está integrada polo propio Tatán xunto a Miguel Borines e Andrés Giráldez. “Tatán”, ademais, participou na creación do Colectivo de Teatro Cirigaita, do Festival Internacional de Títeres de Redondela e da compañía Producións Teatrais do Sur.

Con Tanxarina traballou en máis dunha vintena de espectáculos. Entre os primeiros traballos da formación, cómpre destacar obras como Migallas e cirigaitas (1983), Rosalía no país do sol (1984) e a xa mítica Titiricircus (1988), montaxe co que continúan a xirar hoxe por hoxe.
Ao longo dos anos, a compañía lanzou espectáculos como Santiago, Santiago (1993), Rapatú (2002), Os narigudos (2004), Trogloditas (2010) ou A Casa do Avó (2014), obra esta última pola que conquistaron o Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil.
Nos últimos anos, estrearon montaxes como A Galiña Azul, adaptación do histórico texto infantil de Carlos Casares coa que recuncarían no Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil, ou A Cazola de Lola.
“Tatán” tamén desenvolveu o seu oficio en colaboración con outras compañías. Así, con Matarile participou na obra El cumpleaños de la infanta, baseada nun texto de Oscar Wilde, e con Teatro do Morcego, formou parte dos elencos d’Os vellos non deben namorarse (tanto na produción de 2001 como na reposición de 2010) ou A branca rosa.
No Centro Dramático Nacional, traballou na obra Luna en Marte (2021). No Centro Dramático Galego, interpretou ao marqués de Lansac en A Cacatúa verde (2001) e de si propio en Terceiro acto, montaxe da institución galega de teatro público pola que acadou o Premio María Casares á mellor interpretación masculina.
No eido audiovisual, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” participou en filmes como A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1998), O lapis do Carpinteiro (Antón Reixa, 2001), Doentes ( Gustavo Balza, 2010), Trote (Xacio Baños, 2017), Matria (Álvaro Gago, 2021) ou máis recentemente en La infiltrada, de Arantxa Echebarra, e San Simón, de Miguel Ángel Delgado, ambas as dúas deste 2024.
A súa intervención en diferentes curtametraxes deulle nos últimos tempos varios galardóns. Grazas a O coidado, curta de Miguel Canalejo distinguida co Premio Mestre Mateo á mellor curta, conseguiu os premios á mellor actor no Festival de LISBIFF de Lisboa e do Festival de Cans.
O Premio Galicreques únese agora a outras distincións honoríficas que recibiu Tatán ao longo da súa dilata carreira. Entre eles, destacan o Premio Xograr de Outono que outorga o FIOT de Carballo (2014), o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva 82018), o Premio de Honra da MIT de Ribadavia (2022) ou o Premio FETEGA á traxectoria profesional (2022).