Compostela, 17 de marzo do 2023 – Como preliminar da feira Rivera Vinum, onte comezou en Compostela o roteiro “Galicia en Copas” no que participan 27 locais da cidade.

Ata o vindeiro día 31 “Galicia en Copas” ofrece non só viño de calidade se non experiencias gastronómicas e a posibilidade de gañar estancias en aloxamentos de turismo rural, experiencias en adegas, e lotes de botellas.
O roteiro presentouse cun acto informal no bar La Planta, un dos locais que forman parte do circuíto hostaleiro. Será unha das actividades estrela desta edición que promove a Asociación Hostelería Compostela, tal e como afirmou o seu presidente, Thor Rodríguez, quen lembrou que “o principal obxectivo da iniciativa é estreitar a relación entre as adegas, os locais de hostalaría e os consumidores”,
No acto participou ademais a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, representados polo xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a axuda prestada por outras entidades como o Clúster de Turismo ou o CIFP Compostela.
Dinámica de participación

Cada local incluído no “Galicia en Copas”, ofrecerá ata final de marzo un mínimo de dous viños pertencentes a dúas Denominacións de Orixe galegas ou ben de Indicacións Xeográficas Protexidas, e selarán a tarxeta facilitada polos clientes, onde conste o consumo do viño elixido.
O selo será a proba que acredita a participación no concurso, xa que os clientes que entreguen a cartolina co selo de seis locais distintos participarán no sorteo de diversos premios, entre eles “cinco estancias en casas de turismo rural, seis experiencias Ponte da Boga, con visita, cata e degustación en adega, dez experiencias Regina Viarum con visita e cata en adega, e seis experiencias Martín Códax, así como varios lotes de viño facilitados polas D.O. galegas.
Tamén se planificaron unha serie de actividades, como catas degustación, ceas maridaxe e accións similares, nos locais que participan; por exemplo O Afiador, na rúa Valiño, ofrece o menú degustación Revera Vinum, que inclúe catro pratos, sticks de chacina con marmelo, escabeche de navalla, berberechos á tixola e presa ibérica maridadas con viños galegos; A Bodeguilla de San Lázaro, onde o día 21, ás 20.30 horas, celebrarase o Taller de cata ‘Análise sensorial de queixos galegos con DOP, a cargo de Salomé Beiroa e Jorge Cardoso, e A Bodeguilla de Santa Marta, que ofrecerá o día 23 a cata didáctica con cea ‘Entre os ríos’, a cargo de José Crusat.
O Encontro do Viño Galego Revera Vinum, celebrará a súa segunda edición no San Francisco Hotel Monumento os próximos 27 e 28 de marzo, onde ata o próximo día 31 se promocionarán as referencias galegas que forman parte das cinco Denominacións de Orixe e as catro IXP.
Toda a información sobre os locais no seguinte enlace Galicia en Copas