Compostela, 15 de febreiro do 2024 – O Teatro Principal de Compostela acolle este sábado a gala dos premios Youtubeiras 2023, presentada por Nuria Vil e Gabri Fuentes e coa actuación musical de Mondra.
Youtubeiras é un proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube.
O obxectivo é que existan canles con temáticas e formatos diversos. Trátase de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede. A presentación da gala correu a cargo da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e Nuria Vilán Prado (coñecida co nome artístico de Nuria Vil) quen se encargou de explicar diferentes detalles do acto.
Unha gala que procurará reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede. O Teatro Principal acollerá a partir das 20.00 horas a entrega dos galardóns nun evento no que haberá espazo para o humor, mais tamén para transmitir con rigor asuntos serios ao redor da lingua.
Youtubeiras porá sobre o escenario proximidade e reflexión para remarcar o significado do lema que os galardóns asumen nesta edición: Rede aberta, Rede diversa!. Na gala terá un especial protagonismo os conceptos de fogar e de seguridade a través do trato próximo que quere empregar o equipo artístico.
Para introducir cada unha das categorías emprégase como elemento de escenografía diferentes obxectos evocadores que manteñen relación coa creación de contidos para soportes visuais. Obxectos que, sen dúbida, serán, ben recoñecibles para a comunidade youtubeira.
Gala gratuíta e retirada de convites
A gala dos Premios Youtubeiras 2023 celebrarase ás 20.00 horas no Teatro Principal. O acceso será de balde, mais cómpre retirar os convites previamente. Os puntos de distribución serán físicos: a Zona C (rúa Preguntoiro, 1, xusto na entrada á praza de Cervantes) no seu horario habitual (dende hoxe martes até o sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e o despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do inicio da gala (dende as 19.00 h).
Máis de 32.000 minutos en galego
Un total de 18 propostas finalistas foron escollidas polo xurado de entre as 68 canles que se inscribiron para concorrer á edición de 2023 dos Premios. Durante a rolda de prensa, lembrouse que a esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia dixital para disputar o Premio do Público. Os vídeos no seu conxunto, publicados entre novembro de 2022 e novembro de 2023 nas diferentes canles, superan os 32.480 novos minutos en galego subidos ao YouTube.
As persoas finalistas aspiran a gañar algunha das oito categorías nas que se divide o certame nesta edición: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e Premio do Público. A proposta gañadora en cada categoría recibirá 1000 euros, agás no caso do galardón decidido polo público, cuxa dotación económica é de 500 euros. En total, os Premios Youtubeiras repartirán 7500 euros.
Dezaoito finalistas
Seis finalistas aspiran a levar dous galardóns neste 2023: OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público).
O premio Canle disputarase entre os xa citados Toxío e OU ké! xunto a Cinema Caníbal, mentres que o premio Youtubeira estará entre Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando. Ao galardón Revelación aspiran O Faiado Podcast, Savia Nova e Luis do Río Pena. Os finalistas na categoría de vídeo son Derrubando Xigantes, de Toxío; Londres, de Malva; e SEG, de Prado Rúa.
No trío de finalistas en Calidade Lingüística atópanse Prado Rúa, Olaxonmario e Casa Gallinitas e a terna no caso do galardón Pioneiro está formada por Recuncho Gamer, Lilium e Fica coa Bola. Ao premio Rede optan OU ké!, Alma da Vella Chousa e YouTube en galego. Por último, o Premio do Público decidirase entre as tres propostas máis votadas na comunidade dixital: Noticias Dispersas, Fica coa Bola e Savia Nova.