Compostela é moito MICE é o lema escollido polo goberno municipal de Santiago para presentarse este ano na Feira Internacional de Turismo, FITUR; unha das máis importantes do mundo. Un lema que implica distintos aspectos da cidade pero que pon no centro o turismo de eventos e congresos.
MICE é o acrónimo inglés de Meetings, reunións; Incentives, incentivos; Conferences, conferencias; e Exhibitións, exposicións ou eventos. MICE lese como máis polo que xógase coa palabra inglesa pero tamén coa galega para mostrar o que oferta Compostela.
A concelleira de Turismo de, Míriam Louzao, e a directora do Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia, Belén Montero, presentaron en FITUR esta campaña co obxectivo de acadar o máximo de ocupación ao longo de todo o ano.

A cidade presenta en FITUR unha oferta de máis de 5.000 prazas en infraestruturas de reunións e congresos e máis de 5.500 prazas hoteleiras. Miriam Louzao aseguraba que ”poñemos o foco nunha característica moi destacada de Santiago, que non é outra que a súa condición de lugar emblemático de intercambio de coñecemento”.
Louzao engadiu que a aposta por incrementar o traballo de Turismo de Santiago para mellorar o posicionamento da cidade como destino de turismo de negocios e congresos, baséase na marxe de crecemento que aínda existe en relación aos recursos dispoñibles.
Na oferta presentada en FITUR púxose en valor “o servizo profesional que realiza Santiago de Compostela Convention Bureau, que traballa especificamente con entidades organizadoras de congresos e diferentes tipos de eventos para que ata a máis simple reunión se converta nunha experiencia que contar”.

Infraestruturas e oferta hoteleira
Boa parte da presentación en Fitur consistiu e poñer en valor tanto as infraestruturas dispoñibles na cidade como outros recursos de carácter natural, patrimonial e cultural, así como a súa conectividade ferroviaria e aérea. Todos estes factores que tamén se recollen no vídeo da campaña que se presentou esta tarde.
No caso concreto das infraestruturas, Belén Montero explicou as características do Palacio de Exposicións e Congresos, do que é directora, cualificándoo como “o buque insignia dentro do noso ecosistema de espazos MICE”.

Engadiu que se trata dun edificio de máis de 15.000 metros cadrados, cun auditorio para máis de 2.000 persoas, múltiples salas modulables, amplas zonas expositivas e todos os servicios necesarios para acoller desde grandes congresos científicos ata convencións corporativas, encontros institucionais ou eventos culturais de gran formato.
A directora do Palacio de Congresos tamén explicou que, despois do esforzo de investimento realizado recentemente neste equipamento, tamén se está apostando por una programación cultural estable que inclúe concertos, espectáculos e grandes eventos co obxecto de achegar este espazo tamén á poboación de Santiago e de toda Galicia. “Esta aposta ten un obxectivo estratéxico, que é o de contribuír a desestacionalizar a actividade turística e reforzar a posición de Santiago como destino atractivo durante todo o ano”, afirmou.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo tamén fixo un percorrido por outras infraestruturas para eventos de gran formato, como a Cidade da Cultura, o Recinto feiral de Amio e o Multiusos Fontes do Sar.
Tamén mencionou espazos singulares da Universidade como o Paraninfo, que cualificou como unha sala cun valor histórico e patrimonial extraordinario, o Salón Nobre do Colexio de Fonseca, a Casa de Europa ou a Facultade de Medicina; mentres que no ámbito dos espazos culturais citou o Auditorio de Galicia e a Sede SGAE.
No relativo á oferta hoteleira, centrouse en espazos tan representativos como o Parador Hostal dos Reis Católicos, poñendo en valor a súa situación en plena praza do Obradoiro nun edificio que orixinalmente naceu como Hospital para Peregrinos, e en aloxamentos que ocupan antigos conventos, como o Hotel Monumento San Francisco (antigo convento franciscano) ou o Palacio del Carmen (antigo convento das Obleas), alén de pequenos hoteis con encanto e as grandes cadeas hoteleiras que operan na cidade.
Recursos para alimentar o espírito
“Ademais de infraestruturas adecuadas e de calidade específicas para turismo MICE, Compostela tamén está moi ben preparada para alimentar o espírito de quen nos visita” asegurou Míriam Louzao. Mencionou outros recursos da cidade como a Declaración Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO, contar cunha ratio de zonas verdes por habitante das más elevadas de Europa, as sendas fluviais e naturais que circundan o cinto urbano, a excelencia da oferta gastronómica, e unha oferta cultural e de ocio vizosa durante todo o ano.
A concelleira concluíu a súa intervención en FITUR citando “catro cousas únicas de Santiago de Compostela que habitualmente non figuran nas guías e que a fan única”. En primeiro lugar, situou “Compostela como a única cidade de occidente que foi sinalada por unha estrela”, en referencia á lenda popular que sitúa o nacemento da cidade no lugar indicado por unha estrela que aparecía fixa cada noite e que marcaba o lugar que hoxe ocupa a praza do Obradoiro e a contorna da Catedral.

En segundo lugar, mencionou a particularidade de que “Santiago de Compostela é unha cidade abrazada por dous ríos e pola literatura”, en referencia ao Sarela e ao Sar, este último universalmente coñecido gracias á poeta Rosalía de Castro. Neste punto convidou a visitantes a vivir a experiencia de camiñar polas sendas fluviais nunha experiencia de inmersión no medio natural e a ler ou re-ler a obra de Rosalía de Castro.
En terceiro lugar, identificou a singularidade de Compostela en canto a “influencers” que a promocionaron ao longo da historia, citando a Ruth Matilda Anderson e a Federico García Lorca, facendo referencia a como tanto a fotógrafa e como escritor incluíron Compostela nas súas respectivas traxectorias artísticas. No caso de García Lorca tamén fixo referencia ao feito de que o autor granadino decidiu ser escritor durante a súa primeira viaxe a Compostela, sendo aínda estudante.
E en cuarto lugar, explicou que Santiago de Compostela é considerada a maior aldea de Europa e que conserva moi visibles os vestixios da súas orixes rurais, citando como exemplo as hortas que poden verse en varios puntos do territorio urbano. “Unha das mellores vistas da cidade é a que se ve desde a terraza posterior do Pazo de Raxoi, desde onde se pode contemplar todo o terreo que baixa desde a praza do Obradoiro ata o barrio de Galeras, cheo de pequenas parcelas cultivadas”.
Perfil do turismo MICE
O turismo de congresos e reunións encaixa dentro do modelo de turismo sustentable que viaxa fóra da tempada estival ou doutros períodos vacacionais como Semana Santa ou o Nadal. É un tipo de turista que se despraza maioritariamente entre semana, que non xera picos de masificación en fins de semana, que utiliza infraestruturas xa existentes e que ten un alto impacto económico por visitante.
Para medir o perfil de gasto e estadía media do turista de congresos o Spain Convention Bureau elabora anualmente un estudo para o conxunto do Estado. Segundo o último estudo publicado, o gasto medio por persoa e día foi de 379 euros, que é arredor do triplo do gasto medio do “turista de ocio”, situado en 137 euros. Respecto da estadía media, o estudo di que os participantes internacionais tiveron unha estadía media de 5,5 días e os domésticos de 3,1 días.
A campaña Compostela é moito MICE xoga coa pronunciación do acrónimo en inglés “MICE” e a palabra galega “máis”, nun convite ao sector profesional de turismo de congresos a que amplíe a súa mirada sobre Compostela, a que contacten con Santiago Convention Bureau e a que convertan o seu traballo en experiencias.
A presentación do Concello de Santiago de Compostela en Fitur contou coa asistencia dos concelleiros Borja Verea e José Ramón de la Fuente, do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, representantes técnicos do Ministerio de Turismo e do Cúster de Turismo de Galicia, ademais doutras autoridades e profesionais do sector turístico.
