Compostela, 24 de novembro do 2022 – A Asociación de Hostalería de Compostela dou a coñecer os dez locais máis votados no Santiago(é)Tapas, o que os converte en finalistas do concurso.
Os gañadores nas distintas categorías faranse públicos o vindeiro luns. Nunha gala que se celebrará no Auditorio de Galicia, a organización entregará as chaquetas curtas de finalistas e anunciará os galardóns do que foi o XIV Santiago(é)Tapas.

Entre os dez preferidos están nomes coñecidos, e xa con premios no concurso, e outros máis novidosos. Nas distintas categorías compiten ArteSana Gastrobar, Bar Suso, Bodeguilla de Santa Marta, El Cartel de Mawey, La Planta, Madia Leva, O Sendeiro, Pedra, TS A Casa e Vilar 64.
Os finalistas optan ao premio á mellor tapa creativa e premio á mellor tapa tradicional, dotados con 1.000 euros cada un; e premio á mellor tapa maridada con viño e á mellor tapa maridada con cervexa, dotados con 500 euros cada un.
A Asociación de Celíacos de Galicia entregará tamén un premio á Mellor Tapa sen Glute. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

No XIV Santiago(é)Tapas participaron 63 petiscos. O concurso está promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalería Compostela. O certame volveu a contar un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, en liña coa filosofía da marca que considera o tempo coma un ingrediente esencial á hora de elaborar as cousas que merecen a pena, como a boa gastronomía.
Tamén colaboraron nesta edición Cash Record, Banco Sabadell, Utimaq, a Asociación de Celíacos de Galicia, Monbus Obradoiro CAB, SD Compostela, o festival Cineuropa, Can Cat e Renfe.
Santiago(é)Cóctel
Durante o transcurso da gala tamén se entregarán os premios do III Santiago(é)Cóctel, un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss. Participaron neste concurso 35 cócteles que optarán aos premios: Primeiro Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 500 euros; Segundo Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 400 euros; e Mellor Gin Tonic Tradicional con Royal Bliss e Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotados con 600 euros cada un.