займ срочно

Un mapa recolle a historia dos cines de Compostela

0

Compostela, 23 de xuño do 2022 – O concello de Santiago ven de presentar a edición impresa do “Mapa dos cinematógrafos de Compostela” que xa se podía consultar en liña.

Dentro do proxecto Compostela Filmada, o “Mapa” recolle un listado de todas aquelas salas ou lugares, 21 en total, que albergaron proxeccións dende a chegada do cine á Santiago alá polo 1900.

A presentación correu a cargo da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada por Óscar Senra, da empresa MAOS Innovación Social. Rosón explicou que con este traballo “queremos por unha banda, afondar na relación da nosa cidade co cinema, ata agora bastante descoñecida; e por outra, homenaxear todos eses espazos que contribuíron a divulgación cultural e ao avance da sétima arte”.

Pola súa banda, Óscar Senra, coordinador do proxecto Compostela Filmada, explicou que este mapa “pretende ser o resumo da intensísima historia que Compostela tivo ao longo do tempo coas salas de proxección”, xa que a pesares “de ser a última cidade galega á que chegou o cinematógrafo, logo recuperou con creces o seu protagonismo no mundo do cine tanto a través das proxeccións como das gravacións de filmes”.

O mapa permite facer un percorrido histórico que vai desde o primeiro cinematógrafo ata a moderna proxección dixital, pasando polas proxeccións itinerantes e as carpas, e de aí ás salas estables até chegar aos actuais multicines e outras salas de proxección. As persoas interesadas poderán obter un exemplar do mapa tanto no Salón Teatro como nos Centros Socioculturais de Santiago.

Compostela Filmada

O “Mapa dos cinema(tógrafo)s de Compostela” forma parte do proxecto Compostela Filmada impulsado polo Concello de Santiago, un espazo na rede no que se recolle a intensa relación da nosa cidade co cinema: rodaxes, filmes, entrevistas, carteis, trailers, vídeos, etc.

Na web pódese atopar un apartado de recursos, que inclúe unha compilación bibliográfica, unha selección de biografías de persoas relacionadas tanto co mundo do cinema como coa nosa cidade, tres liñas do tempo (unha xeral, outra que mostra a historia a través das rodaxes aquí realizadas, e unha terceira sobre o cineclubismo), e un amplo inventario de rodaxes; así como un apartado de galerías fotográficas, con carteis, trailers e vídeos completos de filmes, series, curtametraxes e documentais.

Tamén incorpora un blog con diferentes novas ao redor de Compostela Filmada, entrevistas a persoas do mundo do cinema relacionadas co Concello, e artigos que desenvolven distintas temáticas cinematográficas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies