Compostela, 9 de maio do 2023 – Do 7 ao 15 de xuño Santiago acolle a cuarta edición de Plataforma, un festival organizado pola Cooperativa Performa co apoio do Concello.

Plataforma é o festival de artes performativas de Santiago. Este ano participarán artistas como Olga Mesa, Cristina Balboa, Catarina Silva, Marc Vives, Mery Pais, Hugo Torres, Verónica Ruth Frías, Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez, Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld entre outros.
Na presentación participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, os directores do Festival, Mónica Maneiro, Iñaki Antelo e David Barro e o artista Antón Reixa. Precisamente o cantante dos Resentidos realizará o 8 de xuño unha performance en colaboración coa Banda de Música da cidade.
O festival dinamizará rúas e prazas da cidade, como o Cruceiro de San Pedro, as prazas do Obradoiro e a Quintana ou os parques de Bonaval e de Belvís, ademais dos espazos de Fundación DIDAC, a sede de SGAE, a Fundación Eugenio Granell, a sala Riquela ou o CGAC, con performances, música, danza, propostas escénicas, encontros, talleres, conferencias performativas e arte contemporánea.
A concelleira Mercedes Rosón salientou “a simbiose entre cidade e arte” como “unha das claves do éxito do festival”, xa que tamén é unha cita “comprometida co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial”, así como coa “diversidade, a igualdade, cunha gran tradición á que se suma a innovación cultural”.
Algúns dos espectáculos
Antón Reixa será o encargado de abrir o festival en colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dirixida nesta ocasión por Casiano Mouriño, na tarde do xoves 8 de xuño coa súa performance “Un só familiar por paciente (e non viceversa)”, realizada ex profeso para Plataforma.
Un día antes, o mércores 7, comezarán as actividades na Fundación DIDAC con un taller de performance a cargo da artista Ana Gesto, que se suma a outras propostas educativas como o taller para os máis pequenos dirixido por Alba Cacheda ou o Foro de economía circular en colaboración con Signus Ecovalor e a EASD Mestre Mateo, no Parque de Belvís.
No Parque de Bonaval, Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez presentarán “Cando marche non vou pechala porta”, un espectáculo de danza; por outra banda na sede de SGAE, a bailarina e coreógrafa Olga Mesa ofrecerá “Una mesa propia (Danza de manos)”, unha performance audiovisual.