Plataforma celébrase entre o 21 e o 25 de maio con propostas de todo tipo en distintos lugares da cidade. Performances, música, danza, propostas escénicas, talleres e exposicións encherán as rúas e espazos de Compostela

Plataforma. Festival de artes performativas foi presentado en Compostela pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, que estivo acompañada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polos directores do festival, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez.
Trátase da sexta edición do Plataforma e o unboxing corresponderalle á bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo. Será ás 20.00 horas na sede de SGAE en Santiago de Compostela coa peza Sobre o extravío ou a arte de perderse, dirixida por Ana Vallés.
Plataforma válese de dous grandes tesouros de Compostela. Por unha banda, a súa riqueza patrimonial, coa articulación dun mapa de espazos singulares que viran en escenario de propostas irrepetíbeis: a praza de Praterías, o parque de Bonaval, a Casa das Máquinas, ou a Sala Agustín Magán, que darán acubillo a unha programación que se espalla pola cidade e se estende tamén ao CGAC, á sede da SGAE, á Fundación DIDAC ou a galería Patio de Luz.
Pola outra banda, o enorme talento creativo presente na cidade, coa participación de artistas do país que, na compaña de creadoras e creadores das contornas estatal e internacional, conforman “un cartel de excepción”, tal e como salientou a concelleira de Capital Cultural, que parabenizou a organización por “unha programación diversa e anovadora que transcende xéneros, xeracións e etiquetas preestablecidas, e que mesmo inclúe un obradoiro de performance para a infancia da man de Ana Gesto; unha oportunidade para que tamén as crianzas descubran a artista que levan dentro de si”.
Programa
Uns días antes da apertura de Nuria Sotelo, o sábado 17, coincidindo co Día das Letras Galegas, e o domingo 18, comezarán as actividades formativas de Plataforma cun obradoiro de performance a cargo da artista Neves Seara.
O obradoiro, para o que é necesaria inscrición a través da web do festival plataforma.gal , terá lugar na Fundación DIDAC. O día 23 de maio, os participantes realizarán unha mostra dos resultados na galería Patio de Luz acompañados pola artista. A este obradoiro súmanse outras propostas educativas como o obradoiro infantil Variacións para un mesmo obxecto (isto non é un zapato), dirixido por Ana Gesto, que terá lugar no Parque de Bonaval o día 24 de maio.
O festival organizado pola Cooperativa Performa caracterízase pola deslocalización dos espazos e a aposta pola colaboración entre as institucións culturais da cidade, ademais de pola proposta dunha programación de rúa que sorprende a viandantes e transeúntes.
Nesta edición de Plataforma gozaremos das actuacións e performances en múltiples escenarios: Andrea Mosquera e Benxamín Otero serán os encargados de protagonizar o xoves 22 na Praza das Praterías Sinfonía dunha Cidade-Corpo, unha performance, que se estrea por primeira vez, que conecta os sons de Santiago de Compostela e do corpo humano.
O venres 23, as artistas portuguesas Vera Mantero e Teresa Silva estrearán en Galicia Un pequeno exercicio de composición, un xogo escénico de presenza e asombro que terá lugar na Sala Agustín Magán.
O sábado 24 ás 12:30 inaugurarase a exposición de Francisca Aires Mateus Regarding Far Away Water Won’t Save Closeby Fire na Fundación DIDAC, onde a artista portuguesa realizará unha performance con motivo da apertura.
Ese mesmo día, as actividades continuarán no CGAC. Así, presenciaranse tres intervencións imprescindibles protagonizadas por Itsaso Iribarren e Germán de la Riva, Itziar Okariz en colaboración con Izar Okariz e as irmás Noa e Lara Castro Lema que estrearán a súa nova performance en primicia.
Ao día seguinte, domingo 25, os artistas galegos Alejandra Balboa e Pavel Amílcar interpretarán en Casa das Máquinas Cando lle permito ao corpo aquilo que digo, un diálogo íntimo entre danza contemporánea e música barroca.
Para rematar, o festival pecharase nesta mesma localización con Interconexións atlánticas, unha estrea absoluta de Paula Quintas e Ana Gesto que mestura danza, performance, escultura e instalación.
Grazas á súa natureza transversal, o Festival Plataforma intégrase á perfección na programación cultural compostelá, así como na rede galega de institucións públicas e privadas que colaboran con este festival.
Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas está realizado co apoio do Concello de Santiago de Compostela a través da Concellería de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), a Deputación de A Coruña, Fundación DIDAC e Signus Ecovalor e co apoio de SGAE e Patio de luz.
As entradas para o festival poden adquirirse a través da páxina web: www.plataforma.gal