Compostela, 15 de setembro do 2023 – Este sábado Compostela celebra o II Festival Lanzadeira CX co obxectivo de mostrar o traballo das bandas que ensaian nos locais municipais da Almáciga.

A cita co lanzadeira será na praza 8 de marzo a partir das seis da tarde. Participarán os sete grupos que desenvolveron unha residencia de catro meses nos locais de ensaio do Centro Xove de Creación Cultural.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o evento, do que forman parte grupos “integrados por xente moi nova, de estilos diversos, e todos eles cun enorme potencial”. Rozas estivo acompañada polo docente responsable do Lanzadeira, Guillermo Vistoso.
A residencia permitiulles a estes rapaces recibir formación específica de cara a profesionalizar o seu traballo. O concerto ao vivo é, tal e como sinalou María Rozas, “o colofón do programa, e supón para estes artistas novos unha experiencia única de contacto directo co público”.
No Lanzadeira, de entrada libre, participarán sete grupos de diferentes estilos e traxectorias: Abella, Boa Sunet, Filloas, ULEX, Liskadakí, Termotalina e Killo Karallo. Esta última é a formación que ten unha máis longa vinculación ao Centro Xove da Almáciga, e, cun EP editado, mostra un proxecto musical sólido e xa onsolidado.
Tamén Liskadakí, formada por cinco rapazas novas, leva anos utilizando os locais de ensaio e mostrando un gran potencial, mentres que Abella e Boa Sunet veñen de iniciar a súa relación co Centro Xove de Creación Cultural.
Guillermo Vistoso explicou que Lanzadeira é “un proxecto integral, no que durante tres meses as bandas reciben formación sobre cuestións estritamente musicais, pero tamén sobre trámites administrativos como os procedementos de contratación ou a organización de concertos”. O festival do sábado, apuntou, “é o gran peche a este programa, no que participaron sete grupos de estilos moi diferentes, desde o acústico ao rock”.