Compostela, 4 de outubro do 2024 – A praza 8 de marzo de Compostela acolle este sábado o III Festival Lanzadeira, unha mostra en vivo do traballo que nace nos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga.

O Lanzadeira porá sobre o escenario unha mestura de grupos máis experimentados con outros máis noveis. Serán 4 grupos de Santiago Jaco, Ulex, Musgo 981 e Killo Karallo; e como novidade Mamasunción, que ven dos locais irmáns de Pontevedra.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e o docente coordinador do programa, Guillermo Vistoso, presentaron o III Festival Lanzadeira. A tenenta de alcaldesa incidiu en que “esta proposta vai máis alá dun concerto, senón que é todo un proceso formativo que procura a profesionalización dos grupos e artistas que utilizan os locais municipais de ensaio”.
María Rozas reiterou que “a nosa intención é reforzar na medida do posible o Centro Xove da Almáciga, para atender mellor a enorme demanda que teñen os locais de ensaio e, desta maneira, explotar o talento local e reforzar a nosa industria cultural”.
Nesa liña, lembrou que “estamos apostando por darlle presenza ás bandas da Almáciga en todo tipo de eventos, programados polo Concello ou que conten coa colaboración da administración local”.
Proceso formativo intenso
Tal e como explicou Guillermo Vistoso, o concerto de este sábado “é o peche dun proceso formativo no que as bandas teñen a oportunidade de traballar co equipo técnico do espazo do Centro Xove, para elaborar e gravar un tema propio e afondar no proceso de preparar o repertorio para o directo”.
O responsable da actividade apuntou que “nesta edición traballamos con menos grupos que nas anteriores, pero foi un traballo máis intenso, que vai derivar ademais de no concerto na gravación dalgún disco e tamén dalgún videoclip”.
Guillermo Vistoso salientou tamén que este ano no Lanzadeira haberá escenario cuberto, unha proposta de montaxe máis avanzada, e melloras importantes no son e na iluminación, grazas aos investimentos adicionais que ven facendo a Concellaría de Xuventude no Centro Xove.