“Danzade” naceu co obxectivo de poñer en valor a igualdade no eido da danza, de explorar a confluencia entre o baile tradicional e a danza contemporánea, e de achegar estas disciplinas a novos públicos.
A Casa das Máquinas de Compostela acollerá, o 30 de marzo, a segunda edición de “Danzade”. Un proxecto impulsado en esta ocasión pola concellaría de Centros Socioculturais, que afondará na inclusión a través do baile, e rcoñecerá ás cantareiras, ás que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Trátase da segunda edición de “Danzade”, que dirixe Gustavo Couto. Artellado en torno a tres espazos ben diferenciados. O primeiro deles é o tradicional, protagonizado polo grupo Armadanzas de Laraño. Ao seu cargo correrá a lembranza ás cantareiras recoñecidas no Día das Letras Galegas, xa que a agrupación cantará e bailará algunhas pezas que elas lles ensinaron.
Por outra parte haberá un espazo de danza inclusiva, coa posta en escena do proxecto “As Bailadas”. Trátase dunha iniciativa na que traballan a Fundación Uxío Novoneyra e a Academia Lodanzas. En este caso é ademais un proxecto europeo que tén como obxectivo promover a creación de sistemas de formación artística, con contidos e obxectivos de aprendizaxe ben definidos e estruturados, creando directrices e normas de accesibilidade. No programa colaboran socios de varios países europeos, como Hungría, Italia, Portugal, e Grecia, ademais de España.
Por último, “Danzade” mantén un espazo de creación contemporánea/tradicional, que permite poñer en valor a unión entre o baile tradicional e a danza contemporánea. Será coa actuación da compañía Et Suseia Danza, que representará o seu espectáculo “O que non se ve”. Trátase dunha obra que reflexiona sobre os micromachismos desde esa mestura entre os diferentes estilos de baile e as coreografías contemporáneas mesturadas co son da música de tradición oral.
Antes de cada un dos tres espectáculos, os seus protagonistas serán entrevistados por Rebeca Munín, para poñer en contexto as diferentes actividades. A entrada na actividade é de balde, ata completar aforo.