Compostela, 21 de maio do 2020 – A Comisión do Festigal acordou adiar a programación da edición de 2020 co compromiso de manter os concertos e as actividades que estaban previstas para o vindeiro ano.
O Festigal anuncia tamén que nas redes sociais haberá unha sorpresa con artistas para a celebración da véspera do Día da Patria, de xeito participativo coas persoas seareiras. Destacan ademais que se trata dun evento onde o voluntariado e o esforzo comunitario son pezas fundamentais da organización.
Festigal Novos Valores
En canto ao concurso “Novos Valores”, que chegaba á súa sexta edición con grande interese por parte de bandas que inician a súa andaina e queren tocar no Festigal, tamén queda posposto para o próximo ano, cando as condicións de saúde pública permitan a celebración deste tipo de eventos con garantías.
Na súa estrutura, o Festigal conta con escenarios de concertos polos que pasaron desde 2002 artistas como Guadi Galego, Pablo Milanés, Sés, Nao, Banda Bassotti, Kepa Junkera, Leilía, Ruxe-Ruxe, Berrogüetto ou Festicultores, entre as ducias de bandas que participaron para público moi diverso.
O Festigal dispón tamén dunha Galería das Ideas para coñecer experiencias de traballo para impulsar o nacionalismo, dunha Galería das Letras onde se presentan novidades literarias e dun espazo que acolle máis de 30 de postos de asociacións que dan boa conta da actividade dos movementos en defensa do idioma, das liberdades sociais, culturais, ecoloxistas, internacionalistas, feministas, estudantís, educativas e deportivas. Isto súmase á zona de deportes tradicionais, espazo infantil, café-concerto e arredor de 50 postos do mercado onde se pode adquirir artesanía, téxtil, produtos gastronómicos e arte en pequeno formato, entre outros produtos galegos.