Compostela, 4 de maio do 2023 – Santiago celebrará as Festas da Ascensión desde o vindeiro día 16 de maio ata o 21, por tradición as máis propias de Compostela.

O programa da Ascensión 2023 recolle eventos tradicionais como os concertos na Quintana, os Cantos de Taberna, as Corais ou o torneo de Chave na Alameda. A novidade este ano será ademais o I Encontro profesional galego de construción de instrumentos musicais.
Clásicos da Ascensión
O programa está cheo de eventos que clásicos que cada ano atraen á veciñanza da cidade. Distintas corais da cidade interpretarán as súas pezas en varios CSC da cidade e a Banda Municipal de Santiago amenizará coa súa música as rúas da cidade. Tampouco faltarán as tradicionais alboradas que ambientarán a cidade desde o xoves ata o domingo, en horario de 10 a 12 h.
En diferentes prazas da vila desenvolveranse os ciclos “Folk na rúa” (xoves, 18 de maio) e “Escolas de Baile Tradicional” (sábado, 20 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.
Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLVI edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.
Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, o CSC Maruxa e Coralia ofrece un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.
Durante as Festas, tamén se desenvolverá III Certame coreográfico Compostela, o 19 de maio ás 18 h e o XIII Festival Batebatuke, ao longo das xornadas do sábado e domingo.
Os concertos

Os festexos arrancarán o 16 de maio ás 21:30 horas, na Quintana, co concerto Santiago 40 POP, que contará coas actuacións de Marc Seguí, Zzoilo, Miriam Rodríguez, Depol – Hilario, Nerea Rodríguez e Meler – Angy e Mondra, presentado por Tony Aguilar.
A orquesta Panorama, Ana Moura ou Ortiga e Pili Pampín son algunhas das actuacións destacadas do programa da Ascensión.
Ademais, a praza da Quintana acollerá o venres a partir das 20:30 horas o Compos Fest, no que participan Carlangas (ex Novedades Carmiña); Ruxe, Ruxe; Nastasia Zurcher e Moncho e Los Apóstoles que no seu día compuxeran un himno para o equipo.
Feira Cabalar
O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a comparsa de cabezudos cun percorrido polas rúas compostelás desde ás 10 da mañá. Celebrarase a tradicional Feria Cabalar, no Recinto de Amio, que ofrecerá un amplo programa de actividades dirixido a todos os/as afeccionados/as ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras cabalares e entrega de premios, ademais dun espectáculo ecuestre de doma.
Festas dos Maiores
Un ano máis volve a Festa para as Persoas Maiores, na que é xa a súa 24 edición. A sobremesa estará amenizada polo Grupo Alaska e José Manuel “Abanico”. O prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 20 de maio ás 14 h no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles a partir do día 11 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal.
Máis Ascensión
O programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro “Fractales Sonoros. Cruzando posibilidades” de Alejandro Vargas, que terá lugar no Teatro Principal o martes 16 ás 20:30, ou os espectáculos de circo “Malabarian on de Rox”, o mércores ás 17 h e de maxia “Rock & Magic” do Mago Teto, o domingo ás 19 h, ambos na praza de Mazarelos. O Centro Xuvenil Don Bosco acollerá o venres pola noite un ciclo de milongas precedido por un curso de tango no palco da Alameda ás 17 h, e a charla de Chusa Pérez de Vallejo “El tango es una historia”, o sábado 20 a partir das 16 h.
Punto Lila
O concelleiro de festas, Sindo Guinarte, salientou na presentación que “a maioría das actividades son de balde e acceso libre ata completar a capacidade ou aforo dos espazos”. Ademáis recordou que “como en anos anteriores, vaise instalar un punto lila, na Alameda, de oito da tarde a unha a madrugada, co obxectivo de e informar, e protexer, darlle seguridade tanto ás mulleres como ás persoas do colectivo LGTBI”.