Compostela, 10 de abril do 2024 – A festa que máis creceu nos últimos anos volverá no mes de maio a Compostela. O Banquete de Conxo é xa unha das citas máis esperadas da primavera.
O Banquete de Conxo celebrarase este ano os días 24, 25 e 26 de maio. O día grande das Festa será o domingo coa tradicional romaría popular aberta a toda veciñanza na que se farán diversas recreacións teatrais e estará amenizada con actuacións musicais.
Sábado e domingo, na praza Aurelio Aguirre de Conxo, terá lugar o Mercado do Libro para o que o concello ven de abrir as inscricións. Baixo a organización do Departamento de Comercio, este espazo acollerá expositores que poderán presentar a súa solicitude ata o día 8 de maio.
Tamén estará aberto ata o 13 de maio o prazo para a solicitude de ocupación da vía pública para as carpas de polbo. Librarías, editoriais e outros sectores vinculados ao mundo do libro e da ilustración, interesados en expoñer os seus produtos no mercado poderán presentar a súa solicitude a través do trámite “Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias” na sede electrónica.
Para solicitar información complementaria, os potenciais expositores poden consultar as bases ou dirixirse aos correos electrónicos comercio@santiagodecompostela.gal. O mercado do Banquete de Conxo contará este ano tamén cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns tales como a forxa, orfebrería, coiro ou cerámica.
Programa
O día grande será o domingo 26 de maio co desfile teatralizado do Banquete de Conxo que percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística de Os Quinquilláns. Pola tarde celebrarase ‘O serán da Fraternidade’, cun xantar colectivo na carballeira de Conxo seguido por unha foliada que estará amenizada por música e bailes tradicionais, na que se convida a todas a veciñanza a caracterizarse para a ocasión.
A Rede de Centros Socioculturais organizará dous tipos de obradoiros: os de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e os de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista neste tipo de vestimenta. Ademais os CSC do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos acollerán varias sesións informativas sobre a vestimenta e os obradoiros nas vindeiras semanas.
Como participar?
Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.
Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.
O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e o baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete de Conxo.
A organización conta co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego e tamén organiza obradoiros de deseño e vestiario para confección vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego…).