Compostela, 20 de setembro do 2022 – O vindeiro día 30 terá lugar a Feira de Emprendedoras de Compostela, centrada en esta ocasión no sector artístico e cultural.
USC e Concello de Santiago colaboran na organización da Feira de Emprendedoras de Compostela. Esta cuarta edición celebrarase no Teatro Principal, de 10.00 a 20.30 horas, e poñerá o foco nas entidades do sector artístico e cultural da cidade e a súa contorna.

Desde a organización explican que participarán “Entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido e aliñado con ditos valores feministas”.
A Feira de emprendedoras dedícase cada ano ás emprendedoras de Compostela e a súa contorna, así como ás universitarias que son as futuras empregadas e creadoras de emprego. Trátase dun escenario de encontro entre referentes e emerxentes de diferentes sectores coas futuras xeracións.
Búscase crear un espazo no que compartir experiencias, inquedanzas e aprender, tal e como puxeron de manifesto na presentación a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo. Tamén estivo presente no acto a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio; e Carme Casado, do departamento de Promoción Económica do Concello.
Campus de Emprendemento
A iniciativa consta dun Campus de Emprendemento que se desenvolverá do 26 ao 29 de setembro no Teatro Principal, en horario de 17.00 a 20.30 horas. A responsable da formación é Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro.
É unha formación gratuíta para universitarias da USC “con inquedanzas por descubrirse, a través das técnicas teatrais, a si mesmas, as súas habilidades, os seus soños, e medrar como persoas e futuras profesionais”, apuntan dende a organización. As inscricións poden formalizarse a través deste formulario. Tras a formación, o día 30 de setembro, as alumnas realizarán unha mostra teatral no propio Teatro Principal, a carón de Mónica García, pertencente ao Grupo Chévere, e da artista interdisciplinaria Celia Pía.
Na mesma xornada e no mesmo escenario, terá lugar a feira expositiva que se complementará con diversas mesas de debate. Dirixida ao público en xeral, a entrada é de balde. Deste xeito, as alumnas terán a oportunidade de coñecer en directo as respectivas experiencias de emprendedoras referentes.
